A Fundación Vicente Ferrer e a ONGD Sólida únense á Coordinadora Galega de ONGD

A Fundación Vicente Ferrer e a ONGD Sólida forman parte dende o sábado das organizacións integradas na Coordinadora Galega de ONGD. A Asemblea Xeral deu o visto bo para que as dúas entidades se sumen á Coordinadora e eleven a 47 o número de organizacións socias. Actualmente, e con estas dúas incorporacións, máis de 26.000 persoas colaboran coas ONGD galegas asociadas á Coordinadora.

A Fundación Vicente Ferrer é unha ONG de Desenvolvemento comprometida co proceso de transformación das zonas rurais do sur da India. A organización creouse na India en 1969 co obxectivo de buscar solucións aos graves problemas aos que se enfrontaban as comunidade rurais de Anantapur. Dende aquela, funciona como un organismo con forte implantación social. En 1996 abriu a súa primeira sede no Estado español para garantir uns ingresos estables e dar continuidade aos proxectos na India. No Estado español, a Fundación desenvolve un labor de sensibilización e concienciación sobre a necesidade de continuar transformando a realidade da India.

Pola súa banda, a ONGD Sólida constituíuse en Galicia en 2011 que ten como misión acadar o compromiso da cidadanía global na loita contra as causas da pobreza e a exclusión, promovendo dende os individuos, as organizacións e as institucións públicas e privadas a construción dunha sociedade máis xusta. A organización traballa actualmente en Nicaragua.

Na Asemblea Xeral 2018 celebrada o pasado sábado tamén se aprobou o informe de xestión e as contas de 2018, o orzamento de 2019, a aprobación do regulamento para escoller ás persoas representantes das ONGD no Consello Municipal de Cooperación ao Desenvolvemento de Santiago de Compostela e unha proposta de modificación das datas de aplicación da Ferramenta de Transparencia e bo goberno da Coordinadora.