A activista salvadoreña Bea Salazar visita a provincia de Pontevedra para dar a coñecer o seu traballo como defensora de dereitos

O calendario de actividades incluirá obradoiros dirixidos á mocidade e encontros con representantes políticos e tecido social e cultural da provincia

Responsables parlamentarios, da Xunta e ONGD galegas participan na exposición fotográfica “De oficio, defensoras” | Pepe Ferrín

A Coordinadora Galega de ONGD organiza xunto á Deputación de Pontevedra unha xira pola provincia protagonizada por Bea Salazar, defensora de dereitos de O Salvador. O proxecto “Defensoras de Dereitos V Edición” ten como obxectivo xerar espazos onde dar a coñecer o traballo e loitas desta activista salvadoreña e reflexionar sobre a situación de persecución que sofren as persoas defensoras de dereitos no mundo

As ONGD galegas coñecemos de primeira man o importante papel que xogan as mulleres activistas na defensa dos dereitos e desenvolvemento humano sostible, pois colaboramos con ela en moitos dos nosos proxectos en países de todo o mundo. Tamén, os riscos que, polo labor que realizan, afrontan as persoas e organizacións con vocación transformadora. No 2021, Front Line Defenders documentou o asasinato de 358 persoas polo seu traballo de incidencia e denuncia, 37 máis que no 2018. As persoas que viven en países onde se violan as liberdades cívicas multiplicouse por dous segundo a organización CIVICUS. Actualmente o 40% da poboación mundial vive en países represivos e só o 3% en lugares onde se respectan e protexen os dereitos fundamentais. 

No caso das mulleres, os perigos agrávanse e os retos que teñen que encarar a maiores que os seus compañeiros xustifican que se protexa e visibilice o seu labor de forma diferencial. En todo o mundo, as mulleres sofren unha violencia estrutural exacerbada. Segundo datos recollidos pola Coordinadora de ONGD de España, 87.000 mil foron vítimas de feminicidio, unha de cada tres sufriu violencia física ou sexual e ata 200 millóns de nenas e mulleres foron sometidas a mutilación xenital feminina en 30 países. Estas vulneracións intensificáronse aínda máis ao longo da pandemia, chegando nalgúns casos a supoñer un retroceso de ata 10 anos nos avances acadados.

O contexto específico do traballo de Bea Salazar: O Salvador

No caso concreto do Salvador, as mulleres encaran niveis extremos de violencia de xénero, unha situación agravada por unha cultura de impunidade cara os agresores. As violacións de dereitos sexuais e reprodutivos son un síntoma desta violencia estrutural. O aborto está penalizado en tódalas súas modalidades, incluso cando é espontáneo, castigando ás mulleres con ata 50 anos de prisión. As que se atopan en situacións de maior vulnerabilidade, como as nenas e adolescentes, son as máis afectadas por estas violencias e contan con máis dificultades de acceso á xustiza.  No país, un cuarto dos embarazos, segundo o último informe do Fondo de Población de Nacións Unidas, corresponden a adolescentes. Toda esta situación viuse agravada polo estado de excepción que vive o país dende o mes de marzo, que dificulta aínda máis o labor da sociedade civil no camiño cara a protección das persoas e a garantía de dereitos.

No Salvador, o aborto está penalizado en tódalas súas modalidades, incluso cando é espontáneo, castigando ás mulleres con ata 50 anos de prisión.

O apoio ás entidades da sociedade civil son en si mesmo un antídoto para combater esta involución democrática e para defender os dereitos das mulleres en todo o mundo. Por isto, dende ás organizacións galegas traballamos man a man coas  organizacións e colectivos locais en ata 22 países. Ademais, apostamos por estratexias feministas e polo enfoque de xénero en todo o que facemos, de xeito que ata a metade dos nosos proxectos poñen o foco nesta liña segundo o noso último informe “A sororidade entre mulleres impulsa o traballo das ONGD galegas”. É o caso do proxecto “Defensoras de Dereitos”, que procura visibilizar e apoiar publicamente a mulleres defensoras e aos colectivos que as agrupan, recoñecendo o seu labor e alertando dos riscos que sofren. 

Na quinta edición do programa contaremos coa participación de Bea Salazar, unha das mulleres protagonistas da colección de libros “Defensoras de Dereitos”. É activista e defensora de dereitos salvadoreña e traballa para organizacións feministas como a Concentración de Mujeres de Suchitoto e La Colectiva Feminista, ambas integradas na Iniciativa Mesoamericana de Defensoras de Derechos Humanos. Bea participa en procesos de recollida de información en casos de asasinatos machistas e violencia contra as mulleres e tamén traballa na defensa do dereito ao aborto

As actividades organizadas dentro da xira procurarán xerar espazos de reflexión crítica para mocidade, público adulto e actores estratéxicos da provincia de Pontevedra sobre a loita dos movementos feministas do Sur Global contra as violencias machistas e polos dereitos sexuais e reprodutivos. A continuación, compartimos o calendario previsto.

Programa previsto:

 

LUNS, 17 de outubro

12:30 Recepción no Pazo Provincial por parte da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e da deputada de Igualdade, Victoria Alonso.

MARTES, 18 de outubro

11:55 Obradoiro co alumnado do IES Illa de Ons (Bueu).

13:30: Recepción por parte do Concello de Bueu.

20:30 Charla sobre o libro co apoio da Librería Miranda. Lugar: Sala Domínguez Búa, rúa Eduardo Vincenti nº 2

MÉRCORES, 19 de outubro

10:10 Obradoiro co alumnado do IES Castro Alobre (Vilagarcía)

12:00 Recepción por parte do Concello de Vilagarcía

XOVES, 20 de outubro

9:00 Obradoiro con alumnado da UVigo

11:30 Obradoiro con alumnado da UVigo

14:00 Recepción por parte do Concello de Vigo

VENRES, 21 de outubro

11:45 Obradoiro con alumnado de IES Valadares (Vigo)

18:30 Encontro con asociacións feministas. Lugar: A Morada Cooperativa

MARTES, 25 de outubro

11:00 Xornada de traballo para a posta en marcha do “Programa Galego de Apoio a Defensoras de Dereitos Humanos e Activistas”. Lugar: Casa das Campás, Pontevedra.

19:30 Charla sobre o libro na Libraría Paz.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: