Comeza a décima edición de Compostela máis Solidaria

O programa de sensibilización, que a Coordinadora desenvolve co apoio do Concello de Santiago, aposta polo diálogo, a cultura e a arte como ferramentas para a solidariedade e o entendemento.

Fonte: IPPDH

09 Abril 2026 |

Compostela máis Solidaria acada á súa décima edición como espazo de encontro para unha cidadanía comprometida mediante un programa de actividades no que a solidariedade e a diversidade, o fomento do espírito crítico e a conexión co Sur Global seguen a ser elementos fundamentais.

O programa de sensibilización que desenvolve a Coordinadora Galega de ONGD en colaboración co Concello de Santiago a través da súa Unidade de Atención ás Migracións (UAMI) arranca este mes de abril cunha nova edición da Escola de Activismos, que ofrecerá catro obradoiros dirixidos a proporcionar propostas para o desenvolvemento dun pensamento e un discurso críticos, incorporando ás súas relatoras voces expertas do Sur Global.

Música, tecnoloxías libres e ilustración

A primeira cita é o sábado 11 de abril (17:00-19:00), no Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga, da man da Colectiva Hip Hop Femenino El Salvador. Trátase dunha das maiores representacións de mulleres deste xénero musical nese país, onde son un referente artístico e político polo seu traballo de par de diversas organizacións feministas e defensoras de dereitos humanos, promovendo o cambio social dende a arte.

Ofrecen o seu obradoiro Hip Hop e discurso crítico no marco dunha visita a Galicia  da man do proxecto Activistas polo Mundo que Queremos, que impulsan conxuntamente as organizacións galegas Asemblea de Cooperación pola Paz, Solidariedade Internacional de Galicia e Agareso.

O Centro Xove acollerá tamén o 21 de abril (18:00-20:00) o obradoiro “Softawe libre no meu peto”, impartido por Elena Romero, experta en comunicación de Barracón Digital (Honduras) que participará na Escola grazas á organización Enxeñería Sen Fronteiras, con quen participa en diversas actividades ao longo deste mes en Galicia.

Barracón Digital é un destacado colectivo promotor das tecnoloxías libres e a defensa dos dereitos humanos e dixitais. No seu caso, o obradoiro está dirixido a coñecer de maneira práctica e sinxela as aplicacións que o software libre ofrece para garantir o cumprimento dos dereitos dixitais das súas usuarias.

A Escola de Activismos trasladarase á Casa das Asociacións de Cornes o sábado 9 de maio, onde a artista compostelá Adela Vázquez impartirá un obradoiro de creación de relatogramas, pensado especialmente para aquelas persoas e colectivos que desexen documentar e difundir a súa memoria e reivindicacións. Neste caso, a través do debuxo.

A aposta por fomentar o pensamento crítico

A oferta da Escola completarase coa participación da organización internacional More in Common, cun encontro en liña para para coñecer en profundidade algo que está a determinar discursos e comportamentos en numerosos ámbitos, como é a polarización. 

Queremos non só entender que é ou a que lóxicas responde, senón ver de que maneira abordala e que espazos de acción nos permite.

Estes catro obradoiros responden á preocupación pola tendencia global que cuestiona valores e consensos baseados na solidariedade e no ben común.  En palabras da presidenta da Coordinadora, María Paz, “a Escola de Activismos ofrece información, pero tamén ferramentas que dende diversas perspectivas -entre elas a arte e a creatividade- axudan a fortalecer un discurso propio”.

Pola súa parte a concelleira de Dereitos Sociais, María Rozas, defendeu a necesidade de fomentar o espírito crítico e e facelo “botando man de ferramentas tan poderosas como pode ser a arte”.  Ademais, puxo en valor que Compostela máis Solidaria  “non só reivindica o compromiso do Concello de Santiago coa solidariedade e coa cooperación ao desenvolvemento, senón que ao mesmo tempo demostra como desde o local podemos loitar pola defensa dos dereitos humanos”.

Unha ventana ao mundo na Casa das Máquinas

Como exemplo disto, Compostela máis Solidaria celebrará na Casa das Máquinas o venres 8 de maio Compostela co Sur Global: unha gran xornada adicada a percorrer o mundo da man da cooperación ao desenvolvemento e, máis concretamente, da man dalgunhas das protagonistas dos 14 proxectos que neste 2026 recibiron a subvención municipal ao desenvolvemento  que impulsa a Concellería de Dereitos e Servizos Sociais.

Na xornada, pensada como un espazo aberto á cidadanía, haberá encontros e conversas para saber máis desas outras realidades, pero tamén oferta lúdica pensada para público familiar. Así, a xornada na Casa das Máquinas acollerá o espectáculo de contacontos para público familiar “Historias dun mundo grande”, a cargo de Fran Ameixeiras (Bandullo Azul), e unha sesión de curtametraxes para diferentes idades na que non faltarán as pipocas de millo para todas as asistentes.

Por último, esta décima edición de Compostela máis Solidaria lembrará un ano máis ao pobo palestino. Neste caso a través das acuarelas de Nour e Anwar Abu Rayan, dúas irmás cisxordanas que narran, a través das súas pinturas e das reflexións que acompañan cada peza, as consecuencias do xenocidio sufrido polo pobo palestino e que nos lembra que Palestina segue moi  lonxe da paz. 

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: