Palestina: esiximos un alto o fogo permanente e unha paz xusta e duradeira

O actual pacto non pode permitir que os atroces crimes cometidos caian na impunidade. É imperativo apoiar os mecanismos de xustiza internacional para garantir a rendición de contas.

Fonte: IPPDH

14 Outubro 2025 |

Tralo cesamento dos bombardeos sobre a Franxa e o inicio da liberación das persoas israelís e palestinas retidas, pode comezar un proceso de paz, dende logo fráxil e cheo de ameazas. Pero a situación hoxe é crítica e é fundamental garantir urxentemente o acceso total, suficiente e sostido á axuda humanitaria. A axuda debe chegar a Gaza, sen condicións nin obstáculos.

Segundo Nacións Unidas, máis de 67.000 persoas palestinas en Gaza foron asasinadas durante a actual ofensiva israelí, hai máis de 170.000 feridas e forzouse o desprazamento de case dous millóns. A todo iso súmase a destrución de centos de hectáreas de cultivo, así como de edificios e infraestruturas clave, incluíndo escolas e hospitais.

Segundo os datos da Organización Mundial da Saúde, só 14 dos 36 hospitais de Gaza seguen a funcionar parcialmente -ningún no norte- e só 62 centros de atención primaria seguen parcialmente funcionais, en comparación cos 176 previos a outubre de 2023.

As preocupacións do momento actual

As organizacións humanitarias advirten, entre outros aspectos, que as autoridades israelís, quen manteñen o control do 53% da Franxa, aínda non eliminaron moitos dos obstáculos que ralentizan o proceso de entrada de axuda. Por exemplo, o peche da maioría dos postos fronteirizos, en especial os do norte, así como o severo protocolo de inspección militar do contido dos camións ou que deban estar medio baleiros co obxectivo de facilitar a inspección da súa carga.

Neste momento é fundamental que ás organizacións internacionais como UNRWA -a axencia da ONU para a poboación refuxiada de Palestina que desde fai décadas facilita a asistencia humanitaria á poboación palestina en Gaza- se lles permita distribuír a axuda sen ningún tipo de impedimentos. Ademais, de cara a comprobar que os pasos previstos polo acordo inicial seguen o seu curso, sería necesaria a entrada á Franxa da prensa internacional o antes posible.

A situación hoxe é crítica e é fundamental garantir urxentemente o acceso total, suficiente e sostido á axuda humanitaria. A axuda debe chegar a Gaza, sen condicións nin obstáculos.

 

Por outra banda, non se deben ignorar as dinámicas que se están producindo en Cisxordania, incluíndo os ataques e o acoso á poboación palestina, tanto por forzas militares como por colonos, xa que socavan calquera intento de construír unha paz duradeira e xusta para o conxunto do pobo palestino.

O papel da sociedade civil

Desde a Coordinadora Galega de ONGD, xunto coas coordinadoras e organizacións que formamos parte da Coordinadora Estatal de Organizaciones para el Desarrollo, advertimos que é tremendamente preocupante que se estea avanzando nun pacto acordado entre Estados Unidos e Israel sen ningunha representación da poboación palestina, desoíndo as demandas históricas e lexítimas que posúe Palestina desde as resolucións de Nacións Unidas. Reivindicamos o dereito internacional e ditas resolucións como o único marco posible para acadar un acordo de paz xusta e definitiva.

O pacto actual pode permitir que os crimes cometidos caian na impunidade. A solidariedade global debe continuar e centrarse en defender unha solución negociada ao conflito e na construción dunha paz duradeira, onde a sociedade palestina teña o seu dereito a decidir sobre o seu territorio.

Instamos o Goberno de España e as diferentes forzas políticas a que asuman a súa responsabilidade e traballen con seriedade e responsabilidade a favor destes cinco puntos aprobados nunha PNL no Congreso e que son cruciais para que este primeiro alto o fogo se converta no primeiro paso no longo e xusto camiño cara á paz:

Reivindicamos o dereito internacional e ditas resolucións como o único marco posible para acadar un acordo de paz xusta e definitiva.

  • Esixir ás partes un alto o fogo permanente.
  • Esixir ás partes do conflito que permitan un acceso humanitario suficiente e sostido, especialmente en Gaza.
  • Esixir ás partes o respecto do Dereito Internacional Humanitario e dos dereitos humanos.
  • Poñer fin ao comercio de armas entre España e Israel.
  • Traballar para unha solución negociada ao conflito.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: