As organizacións que, como a Coordinadora Galega de ONGD, formamos parte de La Coordinadora de Organizaciones para el Desarrollo, damos a voz de alerta: o recente anuncio do presidente do Goberno de destinar un 2% do PIB a gastos militares antes do 2029 botará máis leña ao lume nun contexto mundial moi complexo.
O presidente de La Coordinadora, Javier Ruíz Gaitán, preguntábase ao respecto de onde sairán os cartos necesarios: “Restaranse de políticas sociais que garantan os dereitos humanos? A ecuación debera estar moi clara: trátase de defender políticas de guerra ou políticas de paz”
Unha política exterior orientada á paz
Estas preguntas xurden dende diversos ámbitos, onde preocupa o impacto deste medida nas políticas socias. Tamén no sector da cooperación, dende o que cremos que España ten a ocasión de marcar a diferenza e apostar por unha política de defensa dos dereitos humanos, da democracia, da cultura da paz e da protección do planeta.
Neste sentido, La Coordinadora lembra que “o Goberno debe defender unha Europa coherente cos seus valores fundacionais a favor da paz, os dereitos humanos, a convivencia e a democracia”. Tamén que a Unión Europea ten unha clara responsabilidade neste sentido e que debe desmarcarse de extratexias que engadirán máis destrucción e sofremento en todo o planeta.
Cooperación e paz vs. gastos militares
De materializárense as declaracións do presidente do Goberno e de non incrementarse os recursos destinados a cooperación, nos próximos anos poderiamos ver como os gastos militares son dez veces máis que os fondos destinados a cooperar.
Ou doutro modo: subiríase entre 4.000 e 5.000 millóns de euros anuais en gasto militar ata o ano 2029. Isto suporía que a subida en tan só un ano superaría a cifra actual de Axuda Oficial ao Desenvolvemento de España, que está arredor dos 3.800 millóns.
Falamos, por tanto, do 2% do PIB en gasto militar fronte ao 0,24% que recibe a cooperación internacional para o desenvolvemento. Unha cifra moi alonxada do compromiso contemplado pola lei aprobada hai dous anos, que aspira a chegar a un 0,7% do noso PIB en 2030.
Por que a cooperación importa?
Esta tendencia é moi preocupante nun planeta que sofre o maior número de conflitos trala II Guerra Mundial. Dende Ucraína ata Palestina, pasando pola República Democrática do Congo, Sudán e ducias máis con escaso impacto mediático.
Superamos xa o vergoñento récord de máis de 120 millóns de persoas obrigadas a abandonar os seus fogares. A emerxencia climática causa cada vez maiores estragos, os feminicidios e os recortes de dereitos das mulleres avanzan de xeito alarmante e, en moitos lugares, defender os dereitos supón a persecución e incluso a morte.
Por se iso fora pouco, o peche da Axencia de Estados Unidos para o Desenvolvemento -e a pesar das prácticas que se lle atribúen alleas á cooperación- está xa a impactar de xeito moi grave nas condicións de vida de millóns de persoas en situación de extrema vulnerabilidade.
Este contexto esixe artellar solucións compartidas, cooperar e xerar propostas colectivas en defensa da paz e os dereitos humanos. E apostar por unha defensa radical destes dereitos, da paz en si mesma e da garantía de vidas dignas para todas as persoas, en todo o planeta.