A situación que está a vivir o pobo palestino non ten precedentes. Os bombardeos indiscriminados sobre a poboación, os ataques a hospitais, as evacuacións forzosas e os cortes de subministros e alimentos supoñen unha situación que, segundo advirte Nacións Unidas, pode supoñer unha violación do Dereito Internacional e Humanitario.
Na Coordinadora queremos pór un foco permanente nesta gravísima situación e, ademais da denuncia e o apoio activo ás iniciativas que piden o alto o fogo inmediato, facémolo a través dun dos seus símbolos de resistencia: as sandías.
Que teñen que ver as sandías con Palestina?
A sandía, cultivada dende Yenín ata Gaza, comparte as mesmas cores que a bandeira palestina e impúxose como símbolo de resistencia fronte a prohibición israelí (Guerra dos Seis Días, 1967), que se levantou finalmente en 1993 no marco dos Acordos de Oslo.
Nese tempo, consolidouse tamén como mostra de solidariedade con Palestina en todo o mundo.
Seguindo ese fío, dende a Coordinadora Galega de ONGD impulsamos a campaña de sensibilización #SandíasPolaPaz, para a que contamos co apoio de organizacións sociais, comercio local e sector cultural, coa idea de que sexamos cada vez máis as persoas que a empreguemos como xesto solidario.

Que é o que pedimos?
A gravidade dos feitos esixe unha resposta firme dos nosos responsables políticos, da Unión Europea e da comunidade internacional que non se está producindo.
A todos eles lembrámoslles que o que fagan, ou deixen de facer, ten importantes consecuencias para as vidas de millóns de persoas palestinas e israelís, así como para a percepción da UE como un actor imparcial comprometido cos dereitos humanos en todo o mundo.
Demandamos un alto o fogo permanente e sen condicións. España e a UE deben apoiar incondicionalmente e, por tanto, impulsar a investigación en curso sobre a situación de Palestina levada a cabo polo Fiscal da Corte Penal Internacional e promover, no seo da ONU, un embargo de armas integral a todas as partes en conflito. España, pola súa banda, debe suspender a subministración, a exportación e autorización de todas as armas, municións e outros equipos militares e de seguridade a Israel.
