Somos Ponte celebra este mes de novembro a súa segunda edición. Tras unha primeira experiencia, orientada a explicar que é a cooperación ao desenvolvemento, neste 2024 o programa -que a Coordinadora desenvolve en colaboración coa Deputación de Pontevedra- quere evidenciar que une a cooperación no Sur Global co traballo cotián de organizacións, colectivos e entidades da provincia.
Para iso, Somos Ponte contempla varias actividades. A primeira delas, a xornada Soñalo en grande, facelo posible, o 14 de novembro (10:00-13:30) no salón de plenos do Pazo Provincial (Pontevedra) que se achegará á educación inclusiva dende diversas perspectivas.
O dereito a unha educación que non deixe a ninguén atrás
A xornada parte do visionado do documental Soñarlo en Grande, realizado pola ONGD Agareso. Nel, relátase o proceso iniciado pola comunidade Champerico (Guatemala) para conseguir un sistema educativo que incluíra a nenos e nenas con necesidades especiais, relacionadas ou non con discapacidades.
E como este proceso colectivo culminou coa construción dun Centro de Recursos de Educación Inclusiva, facilitado entre outros colectivos pola ONGD Arquitectura sen Fronteiras, que se converteu nun modelo pioneiro no país.
A partir da proxección do documental, a xornada avanzará cara unha conversa aberta sobre experiencias de educación inclusiva en Pontevedra e no Sur Global.
O obxectivo deste encontro – que incluirá dinámicas grupais e un peche de xornada da man da Fundación Igualarte– é xerar un espazo de coñecemento compartido e intercambio de experiencias arredor da inclusión no eido educativo, facilitando a conexión entre organizacións de cooperación e organizacións locais.
PROGRAMA DA XORNADA “SOÑALO EN GRANDE, FACELO POSIBLE”
10:00- Benvida institucional, a cargo da Deputación Provincial e a Coordinadora Galega de ONGD
10:15- Presentación e proxección do documental “Soñarlo en grande”
11:00- Conversa aberta sobre educación e inclusión en Pontevedra e no Sur Global, con:
- Lara Medín. Técnica de Arquitectura sen Fronteiras, co-responsable do proxecto
- Érica García. Orientadora do CEIP do Foxo (A Estrada), premiado polas súas Boas Prácticas en Educación Inclusiva
- Paula Tilve. Responsable da Área de Educación do Museo Provincial de Pontevedra
- Lolo Seoane. Membro da Rede pola Educación Inclusiva (Plena Inclusión España) e responsable do Programa Educación de FADEMGA – Plena Inclusión Galicia
- Paula Verde. Activista, impulsora do proxecto “Mi mirada te hace grande” , co-autora de “Reconocer la diversidad” e membro do colectivo Quererla es Crearla
Na conversa participará tamén, a través dunha intervención pre-gravada, Damián Vail, coordinador da Asociación Indígena Agropecuaria Pro-desenvolvemento Integral, co-responsable do proxecto desenvolto en Champerico.
12:15- Pausa-café. Con exposición de materiais das organizacións, tempo para tecer rede e a pre-estrea do xogo “Ponte ao día!”
12:45- Dinámica conxunta e participativa
13:15- Peche da xornada. “Descubriéndonos”. Intervención artística de Vanesa Lea e Brais Pérez (Fundación Igualarte)
Somos Ponte estrea o xogo “Ponte ao día!”
Somos Ponte contempla varios obradoiros en centros da provincia, que estarán facilitados polas organizacións Amigas da Terra, Solidariedade Internacional e Enxeñería sen Fronteiras.
Neles, ao alumnado poderá comprender -a través de propostas orientadas, dun xeito lúdico, á reflexión- que significa a cooperación ao desenvolvemento e como dende Pontevedra é posible contribuír á xustiza global.
Pero a novidade desta edición de Somos Ponte será “Ponte ao día!”: un xogo dixital de preguntas e respostas co que aprender máis, dun xeito divertido, sobre cooperación.
O xogo, pensando para uso individual e por equipos, ofrece tamén a posibilidade de xogar cun extra de dificultade, competindo contra o tempo. E facelo con premio, xa que no marco de Somos Ponte, quen xogue poderá participar, se o desexa, nun sorteo.
As actividades de Somos Ponte 2024 desenvolveranse a partir do 14 de novembro, coa celebración da xornada Soñalo en grande, facelo posible. Irémosche contando todas as novidades!