A xornada “Soñalo en grande, facelo posible” reuniu a medio cento de persoas no Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra arredor do dereito a unha educación inclusiva.
A actividade, que se enmarcaba na segunda edición do programa Somos Ponte, quería ser un punto de encontro entre organizacións de cooperación e outras organizacións sociais da provincia, con este dereito como fío condutor. Porque se ben a loita pola inclusión no é un foco de acción específico da cooperación -como si o é de boa parte das organizacións e persoas asistentes- si que é un eixo transversal da súa acción. Porque a loita polos dereitos ou é con todas as persoas ou non é e ningunha mellora é tal se deixa a alguén atrás.
“Soñalo en grande”: o dereito a unha educación inclusiva
O punto de partida da xornada foi a proxección de “Soñarlo en grande”, un documental producido pola ONGD Agareso que recolle o proceso comunitario que posibilitou a construción do Centro de Recursos Especiais de Champerico (Guatemala) coa participación da ONGD Arquitectura sen Fronteiras:
O camiño dende a inclusión ata a cidadanía
Trala proxección a xornada deu paso a unha conversa aberta na que participaron Lara Medín, arquitecta e responsable de proxectos de cooperación de Arquitectura sen Fronteiras, que nos axudou a comprender o contexto de Champerico e a dimensión e importancia que alí ten a comunidade.
Érica García, orientadora do CEIP do Foxo (A Estrada), que aportou unha visión ampla de inclusión do eido educativo, desvinculándoa desa primeira idea que xorde en moitas persoas de ligala a cuestións relacionadas coa discapacidade e defendendo a importancia e riqueza da diversidade, na aula e fóra dela.
Paula Tilve, responsable da Área de Educación e Públicos do Museo Provincial de Pontevedra. Unha área, formada polos departamentos de Educación e Calidade, dende a que se van dando pasos cara unha cultura e un museo inclusivo. Ela explicounos como as persoas relacionadas co eido da educación son moitas veces as máis próximas ás necesidades sociais e, por tanto, as que exercen de punta de lanza do cambio.
Lolo Seoane, responsable do Programa Educación-Fademga, quen defendeu a importancia de facilitar que se escoite a voz en primeira persoa de quen está a ser excluído e de xerar espazos de participación activa. Tamén foi el quen nos deu o gran truco para esquivar o non institucional ante calquera proposta de cambio: facer un proxecto piloto e ir cunha petición, pero tamén cunha evidencia na man.
Porque os cambios costan. Sábeo ben Paula Verde, impulsora do proxecto “Mi mirada te hace grande” e activista da plataforma “Quererla es crearla” a prol dunha educación inclusiva na que todas as persoas gocen dos mesmos dereitos e oportunidades. Foi ela quen lanzou esta proposta: superar o concepto inclusión e pensar en cidadanía, como algo amplo e acolledor no que todas as persoas teñamos os mesmos dereitos e que nos interpela a todas por igual.
Petiscos, un xogo e arte para completar a xornada
“Soñalo en grande, facelo posible” ofreceu aos asistentes a posibilidade de expoñer nun espazo común materiais explicativos e divulgativos das súas respectivas organizacións. Un momento de encontro e de conversa que contou cos cafés e petiscos de comercio xusto de Solidaridade Internacional.
E tamén cunha sorpresa: a pre-estrea do xogo dixital Ponte ao Día. Unha maneira divertida de saber máis sobre cooperación, solidariedade e o Sur Global que forma parte das accións do programa Somos Ponte e que estará dispoñible no mes de decembro.
O encontro finalizou cunha pequena intervención artística da man de Vanesa Lea e Brais Pérez (Vulelta y Media), da Fundación Igualarte, que puxeron con “Descubriéndonos” o broche de ouro a unha xornada que contou co apoio das intérpretes de lingua de signos da organización Xoga.
“Soñalo en grande, facelo posible” foi unha oportunidade para aprender, para tecer rede, para encontrarnos e descubrir que entre o local e o Sur Global moitas veces as loitas son as mesmas. Coa convicción de que traballamos por esa sociedade xusta e igualitaria, que non deixa a ninguén atrás e sabendo, ademais, que somos moitas nesa loita.