Chad
Artista, escritora e defensora dos dereitos humanos

Imaxe cedida por Salma Khalil
Salma tivo que deixar o Chad, a súa terra, en dúas ocasións. A primeira vez só tiña dous anos e a ditadura de Hissène Habré obrigou a súa familia a exiliarse a Alemaña por motivos políticos. A segunda foi en 2008, en plena guerra civil. Salma xa era artista multidisciplinar, vivía na capital do Chad e ante o perigo e as ameazas deixou o traballo, os proxectos e a súa vida para poñerse a salvo no Camerún.
“En todas as sociedades hai sempre unha historia de guerra e de migración. E é moi importante traballar desde a base para que estes conflitos poidan acabar algún día”.
Hoxe de novo no seu país, combina o traballo de ilustradora e escritora coa defensoría dos dereitos das nenas. En 2021, liderou a creación colectiva de Afaf e o ovo dourado, un libro de contos no marco da campaña La Luz de las Niñas da Fundación Entreculturas que aborda os conflitos e a violencia desde a ollada e a experiencia vital de 60 nenas que viven en campos para persoas desprazadas e refuxiadas.
Os relatos e debuxos falan das súas historias de vida marcadas pola violencia e dos seus anhelos de paz e tranquilidade.
Salma colabora coa Fundación Entreculturas e o Servicio Xesuíta para Persoas Refuxiadas.