Aprobado o Plan Anual 2021 da Cooperación Galega

Fonte: IPPDH

O Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (CONGACODE) aprobou por unanimidade esta semana o Plan anual 2021 da Cooperación Galega e o Informe de Execución do Plan Anual 2020.

O CONGACODE é o órgano asesor e de coordinación da Cooperación Galega no que están representadas a administración autonómica, as ONGD e o resto dos axentes galegos de cooperación. As 5 persoas representantes das ONGD apoiaron o documento que marca a planificación para o vindeiro ano. No encontro, que se desenvolveu de xeito online, o goberno tamén presentou a Estratexia de resposta á Covid-19 da Cooperación Galega.

plan-anual2021-cooperacion galega
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a Subdirectora Xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, durante a sesión do CONGACODE.

Orzamentos

En 2021, o orzamento da Cooperación Galega pasará a ser de 7,4 millóns de euros, un 12% máis que en 2020 e un punto por riba dos compromisos establecidos no IV Plan Director de Cooperación Galega 2018 – 2021.

Dende a Coordinadora Galega de ONGD considérase positivo que a Xunta manteña os compromisos adquiridos coa cooperación ao desenvolvemento, especialmente no actual contexto de emerxencia sanitaria, pero lembra tamén que a Axuda Oficial ao Desenvolvemento do goberno galego non responde aínda ás demandas do sector: en 2021 os fondos de cooperación representan o 0,06% do orzamento da Xunta, unha porcentaxe aínda moi lonxe da reivindicación do 0,7%. Así, Galicia segue estando nos últimos postos da lista de Comunidades Autónomas en canto ao esforzo orzamentario en materia de cooperación ao desenvolvemento.

Convocatorias

A convocatoria de proxectos no exterior dirixida a ONGD será de 4,3 millóns de euros (300.000 euros máis que o ano anterior) e a de a Outros Axentes e a de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global terán a mesma dotación que en 2020: 700.000 euros e 500.000 euros, respectivamente.

En 2021 abrirase de novo a convocatoria de proxectos de investigación para o desenvolvemento (150.000 euros) e volveranse a convocar as 6 bolsas de formación para persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento. A convocatoria de axuda humanitaria será de 400.000 euros.

Por outra banda, en colaboración coa Fundación Galicia Europa, a Xunta organizará unha formación destinada a persoal das ONGD e doutros axentes de cooperación para coñecer as oportunidades de traballo co Fondo Europeo de Desenvolvemento Sustentable (FEDS).

Convenios

Este ano asinaranse convenios de axuda humanitaria e de emerxencia coas ONGD Farmamundi e Asociación Solidariedade Galega con Pobo Saharauí (SOGAPS), así como cos Comités españois das Axencias das Nacións Unidas, ACNUR e UNRWA, entre outras organizacións.

En canto aos convenios, manterase a liña de fortalecemento coa Coordinadora Galega de ONGD, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade; as tres universidades galegas; e as ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, AGARESO e Asemblea de Cooperación pola Paz, para dar continuidade ao programa ‘O mundo que queremos’.

Lei de acción exterior e cooperación ao desenvolvemento

No CONGACODE, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, informou que nas vindeiras semanas o Parlamento votará a Lei reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia.

Por últumo, as representantes das ONGD no CONGACODE agradeceron as facilidade de flexibilización que a Subdirección Xeral de Cooperación Exterior ofreceu ata o de agora para adaptar os proxectos financiados en execución ao contexto de pandemia. E aproveitaron para solicitar que tanto en 2021 como no marco do vindeiro Plan Director de Cooperación se traballe para que distintos departamentos da Xunta e dos gobernos locais aposten pola política pública de cooperación co obxectivo de “non deixar ninguén atrás”.

 

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: