
Devastación sobre devastación. Sen previa desaparición das inundacións e sen ter rescatado ás persoas desaparecidas, Mesoamérica sofre o impacto do segundo furacán en dúas semanas: Eta primeiro e agora Iota. Aínda se descoñece o impacto real da emerxencia, aínda que se considera que, polo menos, seis millóns de persoas están directamente afectadas. Miles delas foron evacuadas en Honduras, Nicaragua, Guatemala e Belice.
Os furacáns chegan nun momento no que as economías da rexión están afogadas pola crise provocada pola pandemia. Como denunciou o Programa Mundial de Alimentos da ONU “as continuas inundacións en países como Guatemala, Honduras e Nicaragua afectarán a colleita entrante, e isto exercerá unha gran presión sobre a agricultura de subsistencia e, aínda que é cedo, está bastante claro que isto estenderá a emerxencia mesmo ata mediados de 2021″.
Apoio para salvar vidas
Nesta etapa de emerxencia é vital o apoio dos doantes humanitarios para salvar vidas e responder as necesidades inmediatas da poboación. Diversos informes afirman que amplas zonas están incomunicadas e pobos enteiros enterrados. Facemos un chamamento á responsabilidade internacional e aos gobernos estatal, autonómico e locais para que colaboren coa resposta inmediata a esta emerxencia de enormes dimensións. As medidas que se tomen nos próximos días serán determinantes para salvar vidas; as que se tomen unha vez pasado o furacán serán cruciais para previr emerxencias futuras e asegurar as condicións de vida digna para millóns de persoas.
Mesoamérica é unha zona que historicamente sufriu este tipo de fenómenos atmosféricos; con todo, o quecemento global está a facer que cada vez sexan máis numerosos e virulentos. Segundo un estudo publicado esta mesma semana na revista científica Nature, “a medida que o mundo continúe quentándose, o poder destrutivo dos furacáns estenderase progresivamente cara ao interior de zonas terrestres”. Frear a emerxencia climática, por tanto, debe ser unha prioridade mundial para mitigar este tipo de emerxencias.
As organizacións que traballan na zona, activaron os seus equipos para traballar man a man coa poboación e as autoridades locais e responder as necesidades máis inmediatas da poboación. As mostras de apoio e solidariedade dentro de cada país estanse a multiplicar.