Día Mundial das Persoas Refuxiadas

O número de persoas refuxiadas e desprazadas no mundo como consecuencia dos conflitos, a pobreza e a violencia alcanzou en 2017 un novo récord: 68,5 millóns de persoas, segundo datos de Nacións Unidas. As crises de República Democrática do Congo, a guerra en Sudán do Sur e a fuxida de miles de persoas rohinyás de Birmania cara a Balngladesh teñen como consecuencia unhas cifras de persoas refuxiadas maiores ás do ano pasado (65 millóns), segundo o informe anual da Axencia da ONU para as Persoas Refuxiadas (ACNUR).

Datos sobre refuxio no mundo:
  • Cada minuto, 31 persoas teñen que fuxir do seu fogar. Isto significa que 1 de cada 110 seres humanos non pode volver a casa.
  • Máis de 68,5 millóns de persoas viven desprazadas forzosamente.
  • 25,4 millóns persoas cruzaron as fronteiras e convertéronse en persoas refuxiadas. Foxen de países en guerra ou conflito como Siria, Afganistán, Sudán do Sur, Myanmar e Somalia, de onde proceden máis da metade das persoas refuxiadas.
  • O 85% das persoas refuxiadas vive en países en vías de desenvolvemento.
  • Turquía, Paquistán, Uganda, Líbano e Irán son os países que máis persoas refuxiadas acollen.
  • Líbano é o país con maior proporción de persoas refuxiadas: 1 de cada 6 no país. Máis da metade son menores.
  • 173,800 nenos e nenas fuxiron sen acompañamento de ningunha persoa adulta. A maioría desde Afganistán, Eritrea e República Democrática do Congo.
  • En 2017, só se conseguiu o 57% dos fondos necesarios para proporcionar alimentos, auga, educación e sanidade a quen o perdeu todo.

Despois do Aquarius

O novo goberno de Pedro Sánchez ten ante si a posibilidade de liderar unha xestión dos fluxos migratorios na Unión Europea que responda á crise humanitaria. A decisión tomada sobre o Aquarius é un paso positivo, pero dar protección a un barco non abonda: é necesario que o Estaso español lidere un novo enfoque político na UE que deixe de dar as costas ás persoas refuxiadas e impulse políticas de protección das persoas que se desprazan que non estea baseada no control e a externalización de fronteiras; ademais de mellorar o actual sistema de acollida para que sexa flexible e sustentable.

Quen foxe da guerra, a persecución e a violencia debería atopar nos países de acollida un lugar onde obter a protección á que ten dereito. Así o afirman dez organizacións que traballan no ámbito de refuxio e a cooperación internacional e que o ano pasado elaboraron o documento conxunto #SinSalidas con cinco eixos fundamentais para que o goberno español cumprise cos seus compromisos. Con todo, un ano despois da proposta, e dous anos e medio despois dos acordos sobre recolocación e reasentamento adoptados polo goberno español e o resto dos Estados da UE, a situación non mellorou, senón que nalgúns aspectos viuse agravada, cando as persoas refuxiadas xa non acaparan a mesma atención, nin política, nin mediática, nin social.

De feito, os países europeos só cumpriron o 33% dos seus compromisos de mínimos (16% no caso español), mentres millóns de persoas están atrapadas en condicións infrahumanas en países como Turquía, Líbano, Irán, Uganda, Xordania (principais países de acollida no mundo), ou Grecia e Italia (principais países de chegada na UE), onde non se lles garante unha adecuada protección dos seus dereitos. A isto hai que sumar os constantes intentos de criminalizar e obstaculizar o traballo ás organizacións e persoas que tratan de exercer a solidariedade e salvar vidas no Mediterráneo e impedir que sexan devoltas coa complicidade de Europa a países como Libia, onde poden ser torturadas e escravizadas.

Tamén hai que engadir as ‘devolucións en quente’ que seguen sufrindo na fronteira sur española, a pesar de que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condenou a España por estas prácticas. Fronte a isto, as organizacións asinantes esperan que o novo goberno de Pedro Sánchez, dea un cambio de rumbo a estas políticas: impulse a apertura de vías legais e seguras e acabe coa política de externalización de fronteiras da UE, para que quen fuxa da guerra e a persecución non teñan que arriscarse a morrer no mar, no deserto ou a ser vítimas de abusos, violencia sexual e explotación a mans de traficantes, bandas armadas e redes de trata.

Fonte: CEAR, ACNUR e Coordinadora de ONGD – España