Cooperación: unha política determinante nun mundo en crise

No Día das persoas cooperantes, demandamos o fortalecemento dunha política pública crucial para abordar as consecuencias da pandemia, o cambio climático e os conflitos.

Neste contexto mundial no que o apoio humanitario é crucial para a vida de millóns de persoas, xeralizáronase os ataques a actores humanitarios.

Fonte: IPPDH

As consecuencias da pandemia, o cambio climático e os conflitos bélicos están a causar graves danos na vida de millóns de persoas. Países que xa enfrontaban graves problemas económicos, ambientais, sanitarios ou educativos están a ver empeorar as súas contornas.

É especialmente preocupante a situación das mulleres; os feminicidios, as violencias de xénero e a restrición dos seus dereitos están a aumentars en todo o mundo. Tamén preocupa a situación de defensores e defensoras de dereitos humanos e dos territorios; segundo datos de Front Line Defenders, o ano pasado 331 persoas defensoras foron asasinadas en todo o mundo das cales un 28% traballaban polos dereitos das mulleres.

Imaxe de IM-Defensoras

Segundo IM-Defensoras, desde a irrupción da pandemia medraron as detencións arbitrarias, as campañas de desprestixio, a represión e a criminalización contra as mulleres defensoras de dereitos. En abril, organizacións e redes feministas e de defensoras de diferentes partes do mundo presentaron un conxunto de medidas urxentes dirixidas aos Estados e a doantes para que se garanta a súa protección integral.

Por outra banda, 82 millóns de persoas víronse obrigadas a abandonar os seus fogares fuxindo do conflitos e a miseria, unha cifra que, tras a chegada dos Talibán a Cabul, crecerá notablemente.

A pandemia e as restricións de mobilidade foron aproveitadas en moitos casos para limitar o dereito de mobilización e a liberdade de expresión. Neste contexto, a cooperación é unha política fundamental para apoiar á sociedade civil, promover a garantía dos dereitos humanos e soster condicións básicas de vida. As consecuencias serán devastadoras se non hai unha resposta á altura.

Agora, máis que nunca, é preciso máis cooperación e máis solidariedade tanto entre países como entre persoas e un firme compromiso das administracións galegas, estatais e europeas coa política de cooperación.

Persecución a ONG e cooperantes

Segundo datos do último informe da Coordinadora de ONGD – España, da cal a Coordinadora Galega de ONGD é socia, 734 persoas de distintas ONGD, entre elas galegas, traballan como cooperantes en 114 países.

En moitos lugares do planeta, a persecución ás ONG e ao seu traballo en defensa dos dereitos humanos está a converterse en norma. Nicaragua, O Salvador, Guatemala, Israel, Guinea Ecuatorial, Tanzania ou Filipinas son algúns dos países que aprobaron leis que limitan e mesmo perseguen o traballo das organizacións da sociedade civil.

A cooperante Juana Ruiz continúa encarcerada en Israel acusada por un tribunal militar de pertencer a unha “organización ilegal”. Nun contexto mundial no que o apoio humanitario é crucial para a vida de millóns de persoas, xeneralízanse os ataques a actores humanitarios.

En 2020, segundo o último informe de Aidworker Security Organization, 475 persoas foron vítimas de ataques; delas, 108 foron asasinadas. Os países nos que houbo un maior número de ataques foron Sudán do Sur, Siria e República Democrática do Congo. Un deses ataques recentes, en Etiopía, acabou coa vida da cooperante de MSF María Hernández e dúas dos seus compañeiros etíopes, Yohannes Halefom Reda e Tedros Gebremariam Gebremichael.

#EsHoradeCooperar

Podes seguir esta campaña da Coordinadora Española de ONGD, a Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo e a Secretaría de Estado de Cooperación Internacional.

 

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: