O Concello de Santiago de Compostela vén de lanzar a súa convocatoria de subvencións de cooperación ao desenvolvemento, cun orzamento de 400.000 euros, o máis alto para unha entidade local en Galicia. Este ano, destacan as seguintes novidades:
- Orzamento: Pásase de 168.000 euros (2022) a 400.000 euros. É a contía máis alta desde que se creou esta liña de axudas, en 2017, e supón un aumento do 138% con respecto á anterior convocatoria de 2022. Deste xeito o concello destina o 0,3% dos seus orzamentos á cooperación.
- Contía máxima por proxecto: 40.000 euros podendo financiar ata o 95% do orzamento do proxecto.
- Pago anticipado simplificado: O 100% da subvención concederase de forma automática, sen necesidade de solicitalo.
- Resolución áxil: As resolucións publicaranse nun prazo de dous meses, permitindo desenvolver os proxectos ata o 30 de setembro de 2025, o que supón practicamente un ano natural.
- Prazo para solicitar as axudas: 20 días hábiles a partir do 3 de outubro de 2024.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, incidiu en que estas bases “son o resultado dun traballo conxunto coa Coordinadora Galega de ONGDs, e responden ás demandas da entidade” así como “ao compromiso do Goberno coa cooperación ao desenvolvemento e con termos un concello verdadeiramente solidario”.
Podes consultar máis detalles e acceder á convocatoria a través do seguinte enlace:
Convocatoria de subvencións do Concello de Santiago de Compostela 2024