Carta de 40 ONG ao goberno español para garantir o desembarco de persoas migrantes

Imaxe de Open Arms Fundation

A Coordinadora estatal de ONGD, da cal a Coordinadora Galega de ONGD é socia, enviou xunto a máis de 40 organizacións sociais e redes europeas, unha carta á ministra de Xustiza, Dolores Delgado, e ao ministro do Interior, Fernando Grande- Marlaska. Nela trasládanse as preocupacións ante a situación na que se atopan as persoas migrantes e refuxiadas no Mediterráneo. Desde xaneiro de 2018, 2.500 persoas (incluídos nenos e nenas) perderon a vida. Mentres, os gobernos non acordan un sistema común que garanta o desembarco e a superviviencia das migrantes.

Por outra banda, os gobernos están a presionar ás organizacións da sociedade civil que realizan misións de búsqueda e rescate: en lugar de apoiar estas actividades nun esforzo común por salvar vidas, varios Estados membros dificultaron as tarefas destas organizacións. Como resultado, o Mediterráneo converteuse nun dos mares máis mortíferos do mundo.

A próxima reunión informal de ministerios europeos de Xustiza e Interior pode ser unha excelente oportunidade para que os gobernos europeos se poñan de acordo nun sistema común que permita que as persoas desembarquen de maneira segura cando cheguen ás costas europeas e que se garantan os dereitos humanos.

As organizacións asinantes lembran a urxente necesidade de establecer medidas a longo prazo que poñan no centro o respecto dos dereitos humanos e iso pasa polo establecemento de vías legais e seguras, a eliminación de visados de entrada para persoas en tránsito, a facilitación do acceso a solicitantes de asilo internacional e o establecemento dunha política migratoria coherente e respectuosa co desenvolvemento sustentable e os dereitos humanos. Lembraron tamén que é necesario atallar as causas das migracións forzadas nos países de orixe das persoas que ven obrigadas a abandonar os seus fogares.

Neste enlace>>> atoparedes a carta completa.

Fonte: Coordinadora de ONGD – España