Aumenta o compromiso dos partidos coa política municipal de cooperación

Mellorar a política pública de cooperación municipal é un dos principais obxectivos da Coordinadora Galega de ONGD. No marco das eleccións municipais elaboramos un documento con 9 propostas concretas para reivindicar a política pública de cooperación local coma unha ferramenta imprescindible para facer fronte aos grandes retos globais: a pobreza, as desigualdades, a crise ecolóxica, os desprazamentos forzados e o auxe dos discurso de odio.

Ao longo dos últimos meses presentamos as propostas aos partidos de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. Mantivemos máis de 25 reunións con todas as candidaturas con representación nos plenos municipais, a maioría coas persoas candidatas á alcaldía, e tres reunións con partidos a nivel galego.

As propostas da Coordinadora Galega de ONGD buscan dotar á cooperación ao desenvolvemento dos piares básicos que precisa calquera política pública: un orzamento suficiente (0,4%); a transparencia na xestión dos fondos mediante a publicación de convocatorias públicas e en concorrencia competitiva; a posta en marcha de órganos de participación, consulta e coordinación nos que a sociedade civil teña voz; e unha orientación estratéxica e planificación a longo prazo.

Logo de revisar os programas dos partidos das seis cidades, concluímos que o compromiso dos partidos coa política municipal de cooperación en 2019 aumentou respecto 2015. Aumentou o compromiso tanto a nivel cuantitativo (máis da metade dos partidos recollen compromisos coa cooperación nos seus programas) como a nivel cualitativo. Precisamente, no eido cualitativo atópase unha melloría moi salientable: ata un 33% das candidaturas incrementan considerablemente a calidade das súas propostas en materia de cooperación e na liña do demandando polas ONGD galegas. Un feito que nos leva a concluír que os actores de política municipal melloraron estes últimos catro anos o seu coñecemento respecto á cooperación ao desenvolvemento así coma a súa capacidade para facer propostas de calidade para o sector.

Compromisos por cidades
A Coruña e Compostela son as cidades onde as forzas políticas con presencia no pleno municipal amosan un maior compromiso coa cooperación nos seus programas electorais. Cabe destacar que, precisamente, A Coruña é a provincia con maior presencia de ONGD (31 sedes dun total de 50). En Compostela, as catro forzas políticas (BNG, Compostela Aberta, PP e PSOE) apostan de forma clara pola política de cooperación ao desenvolvemento aínda que non todas establecen o 0,4% para o orzamento nin se comprometen a manter as convocatorias de concorrencia competitiva.

 

Na Coruña, os partidos con programas electorais accesibles na rede repiten o mesmo patrón que en Compostela: apostan de forma unánime pola cooperación pero, en programas como os de Marea Atlántica e o BNG, non establecen o 0,4% do orzamento demandado polas ONGD. Por outra banda, todas as forzas apostan pola posta en marcha dun Consello de participación pero só BNG e PSOE, específico para Cooperación e Solidariedade. Na cidade da Coruña, o PSOE incorporou todas as demandas das ONGD galegas no seu programa.

 

Por outra banda, Ourense e Pontevedra destacan porque os partidos practicamente nin nomean a cooperación ao desenvolvemento nos seus programas. Hai dúas excepcións. Na ‘terra da chispa’, Ourense en Común recolle todas as propostas da Coordinadora. E, na do Lérez, Marea de Pontevedra comprométese a apoiar “a posta en marcha de iniciativas de cooperación ao desenvolvemento en países empobrecidos”.

 

Pola súa banda, Lugo e Vigo son diversas en canto aos compromisos dos partidos. En Lugo, Alternativa Cidadá de Esquerda (ACE) incorpora no seu programa todas as demandas da Coordinadora Galega de ONGD. O PSOE e Lugo Novo apostan polo compromiso coa cooperación pero sen incorporar de xeito específico o compromiso co 0,4% do orzamento nin coas convocatorias de concorrencia competitiva. Pola súa banda, BNG e PP non fan ningunha mención á cooperación nos seus programas.

 

En Vigo, o BNG e Mare Vigo incorpora todas as demandas das ONGD. O PP, ningunha. E o PSOE, actual partido de goberno, non conta con programa electoral.

 

A que se comprometen os partidos que gañaron o 26M
Ao analizar os partidos que gañaron nas distintas cidades a aposta pola cooperación ao desenvolvemento é diversa.

A Coruña
O PSOE incorporou no seu programas todas as propostas das ONGD galegas. Pola súa banda, os partidos que previsiblemente apoiarán a xestión de goberno, Marea Atlántica e BNG, tamén incorporon parte das demandas nos seus programas.

Compostela
O PSOE de Bugallo asumíu os compromisos das ONGD galegas excepto, de forma explícita, dedicar o 0,4% do orzamento a cooperación. BNG e Compostela Aberta, posibles socios de goberno, posicionáronse de igual forma.

Lugo
O PP gañou as eleccións pero o PSOE gobernará na cidade de Lugo xunto ao BNG. O socialista é o partido que asumiu un maior compromiso coa cooperación. O BNG non incorporou nada.

Ourense
En Ourense gañou o PSOE pero aínda non se sabe se poderá gobernar. En todo caso, ningún dos particdos con representación nomea a cooperación nos seus programas.

Pontevedra
Gañou o BNG. O partido de Lores non menciona a cooperación ao desenvolvemento no seu programa.

Vigo
Reeditouse a maioría absoluta do PSOE de Abel Caballero. O partido non contaba con programa electoral nestas eleccións municipais.