Regala consumo responsable!

A economía social e solidaria ofrece alternativas xustas co medio e as persoas

Achéganse as festas de Nadal e as caixas rexistradoras de todo o planeta sacan fume ante a chegada de tan lucrosa efeméride! Certo é que a maioría de nós mercaremos con gusto algún detalle á familia e amizades. Pero podemos facelo sen caer na trampa do consumismo!

Como? Mercando xoguetes non sexistas; roupa feita baixo condicións dignas e xustas; bombóns de cacao producido por persoas que cobran un soldo xusto; aparellos electrónicos fabricados sen minerais procedentes de conflitos; colonias e perfumes non testadas en animais. Tamén, produtos de segunda man! Todas, alternativas sostibles que respectan os dereitos das persoas e que dan a coñecer alternativas xustas no marco da economía solidaria. Aquí van algunhas ideas.

ALIMENTACIÓN

Comercio Xusto. Asociación de comercio baseada no diálogo, a transparencia e o respecto que busca unha maior equidade no comercio internacional de produtos como o café, o cacao, o azucre… (tamén, alimentación e artesanía) Algunhas opcións en Galicia son Oxfam IntermónPanxeaSolidariedade Internacional de Galicia,  Taller de Solidariedade, Amarante, os proxectos de Lugo Xusta

De proximidade, ecolóxicos e de tempada. Hai alimentos como o cacaou ou o café que non se producen no noso territorio pero outros danse a pouco quilómetros da casa cando é a tempada correspondente. Ademais, prodúcense respectando o medio. No portal da Rede de Economía Social e Solidaria (REAS) atoparedes información sobre as tendas que hai nos vosos barrios e vilas.

ROUPA

Cada vez hai máis posibilidades de comprar roupa fabricada baixo criterios éticos e de respecto ao medio. O proxecto Slow Fashion Next creou un directorio de marcas que traballan baixo este enfoque. A revista Carro de Combate tamén propón unha lista de marcas que ofrecen pezas de roupa fabricadas de forma xusta.

XOGUETES

É importante ser consciente de que algúns xoguetes son sexistas porque promoven a diversión dende a asunción de roles de xénero que sitúan en posición de desigualdade ás nenas respecto aos nenos. Pero como todo, dependerá de como se xogue-utilicen estes xoguetes para poder rachar con estes roles. Nenos e nenas poden xogar a ser exploradoras, cociñeiros, científicas, enfermeiros, futbolistas, perruqueiros, bailaríns… É importante non esquecelo! Tamén, agasallar xogos que permitan usar a imaxinación, pensar e aprender valores como a responsabilidade, o traballo en equipo e a diversión como obxectivo!

ELECTRÓNICA ÉTICA

Clasificación das marcas segundo a informe ‘The Guide to Greener Electronics’ de Greenpeace

Os minerais necesarios para fabricar os aparellos electrónicos están a miúdo asociados a terribles conflitos e a duros abusos laborais. Un dos casos máis coñecidos é o de República Democrática do Congo, país onde se atopa o 80 % das reservas mundiais de coltán, un mineral fundamental para a fabricación dos dispositivos. A extracción do coltán segue alimentando un conflito que provocou máis de cinco millóns de mortes nos últimos 15 anos.

Outro das consecuencias asociadas ao consumo destes produtos e a obsolescencia programada  e o consumo non responsable. Cun crecimiento de 3-5% anual, a Comisión Europea estima que o ano 2020 o volume de residuos eléctrónicos alcanzará os 12 millóns de toneladas por ano, moitas das cales serán enviadas a vertedoiros ubicados en países empobrecidos. Antes de agasallar un produto electrónico é importante preguntarse se é necesario e ter en conta as opcións de reparar, reutilizar e comprar de segunda man.

En 2017, Greenpeace publicou The Guide to Greener Electronics onde indica en que condicións producen as principais marcas que se poden atopar no mercado. Fairphone é a marca máis limpa e xusta.

OUTRAS

Informa sobre alternativas no campo da banca ética,enerxía 100% renovable, a electrónica xusta, a roupa producida baixo criterios éticos e sostibles… Crea a túa propia guía e regala consumo responsable!

Faino ti mesm@! Sabes tecer unha bufanda? Tes algunha habilidade artística? Gústache escribir? Potencia a túa creativa e regala algo feito por ti mesm@.

Regala cultura. Un libro, unha película, unhas entradas para un concerto ou unha obra de teatro. Unha subscrición a un xornal ou revista (de comunicación social)…

Regala unha experiencia, feita por ti. Nos últimos anos puxéronse de moda os paquetes de experiencias e aventuras, unha fórmula sinxela á vez que orixinal para regalar. Pero, e se organizas ti mesm@ a experiencia? Preparar unha saída, unha cea ou unha actividade pola túa conta seguro que é máis personalizado.

Comparte tempo, saberes e recursos! Compartir é un dos agasallos máis bonitos. Compartir o teu tempo para acompañar a persoas que o precisan, para levar a cabo accións de voluntariado. Compartir os teus saberes de xardinería, gastronomía ou outras linguas. Compartir obxectos e mesmo cartos que poidas deixar ou doar a persoas e colectivos que o precisen.  Doar xoguetes, roupa ou libros que estean en boas condicións e que ouras persoas poidan utilizar.