Apoiamos ás ONG internacionais que rexeitan o plan de Estados Unidos nos Territorios Ocupados Palestinos

Baixo o nome «Non hai trato» esta iniciativa conta co respaldo de máis de 80 ONG internacionais socias da Asociación de Axencias de Desenvolvemento Internacional que traballan nos Territorios Ocupados Palestinos e Israel

Sumámonos á iniciativa de ONG internacionais que traballan nos Territorios Ocupados Palestinos de rexeitamento o plan de Estados Unidos na zona. Israel debe poñer fin de inmediato aos asentamentos e reverter a anexión de facto do territorio palestino, agora sancionado polo plan dos Estados Unidos.

THOMAS COEX/AFP/GETTY

O recoñecemento dos Estados Unidos das accións israelís cara á anexión unilateral do territorio palestino ocupado constituiría unha violación do dereito internacional. Anexar partes de Cisxordania intensificará aínda máis o risco de transferencia forzosa de familias e comunidades palestinas, afianzará a pobreza e obstaculizará a provisión de asistencia humanitaria esencial. A anexión apoiada polo plan dos Estados Unidos non só viola as responsabilidades de Israel como potencia ocupante segundo a lei humanitaria internacional, senón que tamén nega ás persoas palestinas o seu dereito á autodeterminación, condenándoas á discriminación e á dependencia.

Traballando no territorio palestino ocupado, os membros de Asociación de Agencias de Desenvolvemento Internacional vemos o impacto daniño da expansión dos asentamentos e a anexión de facto de toda Cisxordania, incluíndo Xerusalén Oriental. Baixo a ocupación israelí, ás persoas palestinas en Cisxordania e Gaza négaselles a liberdade básica de movemento e o acceso a béns e servizos esenciais, incluíndo a atención médica, o acceso a auga e saneamento, o  combustible, a seguridade alimentaria, o emprego e o desenvolvemento económico. A intensificación da violencia militar e dos colonos restrinxe o dereito fundamental de nenos e nenas palestinas a acceder de maneira segura a unha educación de calidade. Xa, no último ano, un número récord de poboación palestina foi desprazada pola forza dos seus fogares como resultado da expansión dos asentamentos israelís en Xerusalén Oriental e a área C de Cisxordania. A implementación do plan dos Estados Unidos acelerará estas tendencias.

O plan dos Estados Unidos debilitaría aínda máis a continuidade territorial de Palestina, que comprende Cisxordania, incluída Xerusalén Oriental, e a Franxa de Gaza. Esta fragmentación erosiona as perspectivas de auténtica estabiliade e autodeterminación. Un plan de paz debería basearse en garantir a viabilidade dun Estado palestino e ofrecería unha solución duradeira para millóns de persoas refuxiadas palestinas.

Un plan de paz xenuíno, viable e xusto debe adherirse á lei internacional, defender a igualdade e garantir a autodeterminación para as comunidades palestinas e israelí. O “Acordo do século” dos Estados Unidos non cumpre con estes principios básicos. Instamos os líderes israelís e palestinos a traballar conxuntamente nun plan que poida brindar unha paz xusta e duradeira.

Facemos un chamado á comunidade internacional, incluíndo a Unión Europea, os seus estados membros e resto de países para:

Rexeitar a desigual proposta dos Estados Unidos e avanzar urxentemente nun plan de paz alternativo, baseado nos dereitos humanos, o dereito internacional e a consecución da autodeterminación para todas as persoas.

Tomar medidas decisivas, incluído o emprego de todas as contramedidas legais dispoñibles, para apelar á súa responsabilidade, a fin de deter a anexión e a separación da integridade territorial palestina e garantir a reversión rápida das medidas anunciadas ou xa implementadas.

Consulta o listado de organizacións>>> que o asinan.

Fonte: Coordinadora de ONGD – España