A Coordinadora Valenciana de ONGD pide 16 anos de prisión para o ex conseller Rafael Blasco polo fraude nos fondos de cooperación

O ex conseller do Partido Popular, Rafael Blasco, senta de novo no banco dos acusados para responder polo presunto desvío de, polo menos, 4,5 millóns de euros destinados á cooperación internacional nunha decena de países empobrecidos. Tamén, pola errada construción dun hospital en Haití tras o terremoto que arrasou o país en 2010, causando máis de 300.000 mortes, e deixando sen fogar a un millón e medio de persoas.

Na vista oral que arrincou onte na Sección 5ª da Audiencia Provincial de València, xulgaranse as pezas II e III do “Caso Blasco”, nas que a acusación popular encabezada pola Coordinadora Valenciana de ONGD pide para o ex conseller 16 anos de prisión e 42 de inhabilitación polos delitos de pertenza a grupo criminal, malversación de caudais públicos, prevaricación, branqueo de capitais, falsidade documental, encubrimento e fraude en subvencións.

Blasco xa foi condenado pola Peza I, en sentenza ratificada polo Tribunal Supremo, a seis anos e medio de prisión. Tras permanecer encarcerado 3 anos e 7 meses, nestes momentos atópase gozando do terceiro grao, polo que só acode ao centro penal a durmir.

Modus operandi

Segundo as actuacións que figuran no sumario, desde a Consellería de Solidariedade dirixida por Rafael Blasco e desde a trama encabezada polo empresario César Augusto Tauroni, moi próximo ao ex conseller, manipuláronse presuntamente os exhaustivos procedementos de control da concesión de fondos para proxectos de cooperación que se aplican ás ONGD, para favorecer a fundacións creadas expresamente polo empresario para apropiarse deses fondos, e a pequenas ONG que manipularon para o seu lucro persoal. Tanto a fiscalía como a acusación popular manteñen que desde a Consellería, seguindo as ordes de Blasco, contrataron empresas avaliadoras afíns que falsearon as cualificacións dos proxectos que presentaban as entidades da trama dirixida por Tauroni, fixeron presión ao funcionariado para que aprobasen proxectos que non cumprían os mínimos requisitos, ou directamente, cesábano cando se negaban a participar na trama. A Consellería creou listas brancas e listas negras para determinar as entidades que recibían fondos públicos (as da trama) e as que non podían recibilos.

Polos feitos ocorridos entre 2009 e 2011, a acusación popular pide un total de 158 anos de cárcere para 22 acusados. Para o empresario Tauroni, presunto cerebro da trama xunto a Blasco, piden 22 anos de cárcere, 42 anos de inhabilitación e máis de 2,5 millóns de euros de multa.

Entre o resto de acusados destacan Llinares -ex xefe da área de Cooperación, e funcionario afín a Blasco que lle acompañaba sempre nos seus postos de responsabilidade-, para o que se piden 14 anos de prisión; Josep María Felip, ex director xeral de Inmigración e Cooperación na época de Blasco, para o que se solicitan 12 anos; e o empresario Luís Fernando Castel, responsable da empresa evaluadora, para o que se piden 14 anos. Ás penas de cárcere súmanse as peticións de inhabilitación, e máis de 10 millóns de euros en concepto de multas, responsabilidade civil e danos morais.

“Este non é un caso de corrupción máis. É unha das tramas máis inmorais, indignas e repugnantes aos que nos enfrontamos nos últimos anos. Xúlgase a unha trama de políticos, altos cargos da Generalitat e empresarios que se aproveitou, presuntamente, do sufrimento de miles de persoas para comprarse como mínimo, que saibamos, iates e apartamentos en Miami”, explica Lourdes Mirón, presidenta da Coordinadora Valenciana de ONGD.

Fonte: Coordinadora Valenciana d’ONGD