A Coordinadora expresa as súas condolencias pola morte da voluntaria galega no accidente aéreo en Etiopía

Dende a Coordinadora Galega de ONGD queremos expresar as nosas condolencias polo falecemento de Pilar García Docampo, a voluntaria internacional de orixe galega que esta fin de semana morreu como consecuencia dun accidente aéreo en Etiopía. Queremos expresar tamén o noso apoio e solidariedade ás familias das persoas falecidas no accidente, entre as cales se atopaban tamén membros do Programa Mundial de Alimentos das Nacións Unidas.

As ONGD galegas queremos amosar o noso respecto ás persoas que colaboran como voluntarias internacionais e poñer en valor o seu traballo. Mediante esta ferramenta de participación, as persoas voluntarias teñen a oportunidade de coñecer de primeira man as realidades dos países empobrecidos; colaborar en proxectos de cooperación internacional impulsados por ONGD; e comprender mellor as necesidades e inquietudes que afrontan as comunidades locais. O voluntariado de cooperación internacional é, sen dúbida, unha expresión de cidadanía crítica, comprometida, responsable e transformadora.