Condena absoluta ao ataque dunha oficina de Médicos do Mundo en Gaza

Era un edificio perfectamente identificado pola organización humanitaria e rexistrado ante as autoridades militares israelíes. Segundo as primeiras informacións o ataque saldouse con oito persoas asasinadas.

Fonte: IPPDH

11 Xuño 2025 |

Israel viola por enésima vez o dereito internacional humanitario ao atacar cun dron en Gaza a oficina dunha organización humanitaria claramente identificada e que, por tanto, debe contar con protección especial.

Dende a Coordinadora Galega de ONGD -en liña coas organizacións que, coma nós, forman parte da Coordinadora de Organizaciones para el Desarrollocondenamos firmemente este ataque que supuxo a morte de oito persoas; segundo datos de Médicos do Mundo, catro nenos, un adolescente e tres adultas. Así mesmo, solidarizámonos coas súas familias e con toda a poboación palestina que sofre este asedio sen límites nin precedentes.

Como xa vimos denunciando, o incumprimento sistemático do dereito internacional humanitario por parte de Israel non pode quedar impune. Lembramos as verbas de Volter Türk, alto comisionado de Nacións Unidas para os dereitos humanos, que denunciou que “cada un destes indicentes debe invertigarse a fondo. Dirixir intencionadamente ataques contra civís que non participan directamente nas hostilidades podería constituír un crime de guerra”.

A situación dramática de Gaza

Un dos últimos informes de Nacións Unidas acusa a Israel de “crimes de extermino en Gaza”. Segundo explica o documento, “ao matar a civís que se refuxiaban en escolas e lugares relixiosos, as forzas de seguridade israelíes cometeron o crime de lesa humanidade de exterminio”.

Esiximos a investigación de posibles crimes de guerra, o fin dos bombardeos e do asedio. É urxente que entre a axuda humanitaria para atender as enormes necesidades da poboación e que se inicie o camiño cara unha paz con xustiza.

Responsabilidade internacional

No seu último informe, a relatora de Nacións Unidas para Palestina, Francesca Albanese, sinala claramente que “os Estados membros deben intervir agora para evitar novas atrocidades que deixen aínda máis cicatrices na historia da humanidade”.

A comunidade internacional ten a responsabilidade de presionar a Israel para que remate dunha vez por todas con esta barbarie e debe asumila de xeito urxente. Os Estados deben poñer fin de forma definitiva a calquera tipo de comercio de armas con Israel e promover o inicio das investigacións pertinentes que garantan xustiza e reparación.

Ataque ao persoal humanitario e militarización da axuda

O ataque e asasinato deliberado de persoal humanitario en Gaza non ten precedentes. Ademais, Israel está a impedir a entrada da asistencia que teñen preparada as organizacións humanitarias. Tal como denuncia Nacións Unidas, dende o 27 de maio impuxeron un mecanismo militarizado de distribución de alimentos en contra de todas as regras humanitarias establecidas.

Dende entón, e tal e como denuncia a ONU, milleiros de persoas palestinas dirixíronse a pé a eses puntos de entrega para recibir paquetes de allimentos. Ducias delas foron asasinadas ou resultaron feridas por causa de disparos durante o reparto.

Unha vez más, a Coordinadora recoñece o papel esencial da sociedade civil palestina nun contexto de extrema adversidade así como das organizacións humanitarias e chama unha vez máis a unha paz duradeira e definitiva.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: