Lideresas indíxenas de Guatemala percorrerán Galicia para dar a coñecer o seu traballo como defensoras de dereitos

Juventina López e Ita Xocol, dúas mulleres activistas indíxenas de Guatemala, percorrerán Galicia do 21 ao 28 de novembro. Viaxarán no marco do proxecto Mulleres que mudan o mundo impulsado pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD. Con elas viaxarán os seus relatos en primeira persoa, relatos negados sistematicamente, imprescindibles para coñecelas e recoñecernos mutuamente.

Juventina e Ita serán as protagonistas do ciclo de charlas Defensoras de dereitos. A loita das mulleres indíxenas en Guatemala a partir dos cales contarán as principais problemáticas coas que se atopan as súas comunidades; o seu activismo pola recuperación das terras que lles foron arrebatadas e da defensa dos dereitos das mulleres; e os proxectos nos que participan xunto a ONGD galegas. As charlas, abertas ao público, terán lugar en Pontevedra, Caldas de Reis, Bueu, O Grove e Vigo.

Juventina e Ita tamén participarán en centros educativos de secundaria da provincia de Pontevedra co obxectivo de contar ao alumnado a realidade dos seus países e as súas comunidades. Será no IES do Castro de Vigo, O IES Pintor Colmeiro de Silleda, O IES Laxeiro de Lalín e o IES Castro Alobre de Vilagarcía.

Juventina López é unha muller indíxena mam filla dun líder comunitario que loitou pola recuperación das terras ancestrais da súa comunidade. A súa infancia coincidiu cos anos máis crueis do conflito armado guatemalteco e a situación de pobreza e inseguridade que vivía a súa familia non lle permitiu ir á escola. De moza, viaxou indocumentada aos Estados Unidos en busca dun futuro mellor pero foi capturada, retida e retornada a Guatemala. Juventina asegura que o destino a levou de novo ás súas orixes para loitar polos dereitos da súa comunidade. Hoxe é presidenta da Asociación Indíxena Agropecuaria Prodesarrollo Integral (ASIAPRODI) en Champerico, unha organización que traballa coa ONGD Arquitectura sen Fronteiras para mellorar as condición de acceso a un hábitat digno.

Ita Xocol é defensora dos dereitos das mulleres k’iche’ en Nahualá, Guatemala. Farta da discriminación que sufría na escola e na casa por ser unha muller indíxena, un día escapou cara á capital do país. Alí participou en capacitacións promovidas por unha asociación xuvenil e conta que, dende entón, decidiu loitar polo seus dereitos e os dereitos das mulleres da súa comunidade. “Despois de compartir con outras mulleres a miña experiencia de discriminación dinme conta que non estaba soa”. É por iso que decidiu colaborar con organizacións populares e montar xunto a outras mulleres a radio comunitaria La Voz de Racantaj, da cal é directora. Na emisora falan do acontecer comunitario, as actividades que organizan, sobre a súa cosmovisión indíxena e fano no seu propio idioma, o k’iche’, unha lingua sen presencia nos medios comerciais do país. A radio recibe o apoio da fundación guatemalteca Comunicándonos e das ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz e Asociación Galega de Reporteiros Solidarios. Ita é tamén a vicepresidenta de AMARC Guatemala (Rede Mundial de Radios Comunitarias).