Satisfacción pola creación da Secretaría de Estado para Cooperación

Fonte: IPPDH

A Coordinadora Galega de ONGD súmase ao posicionamento da Coordinadora estatal de ONGD e amosa a súa satisfacción pola creación da Secretaría de Estado para Cooperación. A medida, anunciada esta semana polo goberno español, debe ser o primeiro paso dun camiño no que se constrúa de maneira colectiva unha política de cooperación ambiciosa e coherente, á altura do contexto mundial que vivimos.

Desde hai anos, as organizacións de desenvolvemento reclamamos que a política pública estatal conte cun peso específico na estrutura de goberno, recursos suficientes e unha orientación inequívoca cara á erradicación da pobreza e as desigualdades.  A recuperación dunha secretaría exclusiva para cooperación é un paso importante para situar esta política no centro da acción de goberno e dotala dos medios e recursos que garantan o liderado e a coordinación necesaria.

Mirar cara ao futuro esixe apostar por unha cooperación ambiciosa, transformadora, feminista e ecoloxista; orientada inequivocamente á erradicación da pobreza e as desigualdade; que defenda os dereitos humanos e o medio ambiente; e que se conecte cunha cidadanía que demostrou o seu compromiso cos problemas globais.

Este camiño debe realizarse contando con institucións fortalecidas e instrumentos que garantan unha política forte e eficaz. Por iso é necesario reformar e reforzar a Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo e apostar, xunto aos proxectos de desenvolvemento, pola educación para a cidadanía global e a axuda humanitaria. Debe garantirse unha axuda xenuína, é dicir, que non responda a intereses comerciais, xeoestratégicos ou de control de fronteiras. E é importante fortalecer a cooperación descentralizada que se leva a cabo dende as comunidades autónomas e entes locais mellorando a súa articulación e coordinación.

Non menos urxente é garantir que a defensa dos dereitos humanos e o respecto polo planeta guíen todas as políticas públicas, sexan económicas, comerciais ou migratorias –de ámbito doméstico ou internacional–, como requisito para avanzar nos compromisos da Axenda 2030. Isto, entre outras iniciativas, pasa necesariamente por unha lei que obrigue ás empresas para cumprir cos dereitos humanos en calquera lugar do mundo; pola reforma das leis migratorias; pola posta en marcha dunha lei de transición enerxética que inclúa a lóxica internacional; ou pola revisión da fiscalidade tanto doméstica como internacional.

Confiamos en que a creación da Secretaría de Estado de Cooperación sexa o inicio dun camiño colectivo en defensa dunha política pública que defende os dereitos e garante contornas máis habitables para homes e mulleres en todo o mundo.

Fonte: Coordinadora ONGD – España

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: