Renovación do equipo directivo da Coordinadora

O pasado 28 de maio a Asemblea de socias da Coordinadora deu a benvida a unha nova Xunta Directiva. O equipo seguirá encabezado por Alejandro Quiñoá na presidencia. Son en total 10 persoas, 4 delas novas incorporacións. Presentámolas a continuación

PRESIDENCIA // Alejandro Quiñoá Casteleiro

Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración, traballa desde 2005 no ámbito da cooperación internacional para o desenvolvemento como integrante da ONGD Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP). Desde 2009 é o delegado de ACPP en Galicia e desde 2012 é membro do seu Comité Territorial de Dirección. Ademais da actividade profesional participa do movemento asociativo veciñal de Compostela. É membro do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento (CONGACODE) e ocupa a presidencia da Coordinadora desde 2017.

 

VICEPRESIDENCIA // Gema Filgueira Garrido

Foi presidenta da Coordinadora de 2011 a 2017 e dende 2011 forma parte da Comisión de Normativa e Código de Conduta. É presidenta da ONG Médicos del Mundo en Galicia. Participa na Red de Coordinadoras Autonómicas desde o ano 2013 como representante da Coordinadora no período  2015 – 2020 asumíu a Vicepresidenta II da Junta de Gobierno da Coordinadora de ONGD-España. É membro do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento (CONGACODE).

 

SECRETARÍA // María Paz Gutiérrez

Licenciada en Ciencias Políticas é directora de Solidariedade Internacional de Galicia desde 2004. É membro do Consello de Acción Voluntaria desde o ano 2014 como representante da Coordinadora, membro do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento (CONGACODE). Entre 2011 e 2017 foi Vicepresidenta da Coordinadora. 

 

TESOURERÍA // Ángel Bañobre González

Licenciado en Ciencias Empresariais traballa na Fundación FABRE desde 2012 onde dirixe a área de Cooperación para o Desenvolvemento. Do 2007 ao 2012 traballou na Fundación CUME, organización á que representou no Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento (CONGACODE). Tamén forma parte da Comisión de Normativa e Código de Conduta da Coordinadora. É o Tesoureiro da Coordinadora desde 2018.

 

VOGALÍA // Laura Casal Guillán

Licenciada en Ciencias Políticas conta con diversa experiencia no terceiro sector, onde desenvolveu distintas labores no eido da ensinanza e da xestión de proxectos. Desde 2012 é a técnica responsable da área de cooperación da asociación Amigos da Terra. Formou parte tamén da directiva da organización entre 2015 e 2021, ocupando o posto de tesourería. É vogal da Coordinadora desde 2014 e forma parte da Comisión de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global e a Comisión de Incidencia Política.

 

VOGALÍA // Lorena Seijo Sanmiguel

Coordinadora da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) desde 2016. Hai 11 anos que traballa desde Galicia en Cooperación Internacional, pero a súa especialidade é o xornalismo en dereitos humanos. Residiu en Guatemala durante 7 anos e alí centrou a maior parte das súas publicacións nas violacións dos dereitos humanos, a problemática dos pobos indíxenas, as consecuencias do conflito armado, a violencia contra as mulleres e os efectos do crime organizado en Centroamérica. É vogal da Coordinadora desde 2014.

 

VOGALÍA // José Luis Barreiro Areses

Exerceu o periodismo en diversos medios de comunicación (prensa, radio, internet, televisión) así como diferentes labores en gabinetes da administración autonómica e consultorías en varias empresas. Cunha longa experiencia de voluntariado a nivel local, a partir de 2012 inicia a súa traxectoria na Fundación Entreculturas como voluntario, despois como delegado e, desde 2017, como técnico e coordinador das equipas de Vigo, A Coruña, Santiago, Oviedo e Xixón. Asume a representación da ONGD en Galicia e Asturias. É vogal da Coordinadora desde 2021.

 

VOGALÍA // Natalia Monje

Periodista e historiadora, responsable de Comunicación da ONG Ecos do Sur desde 2011, onde lidera tamén a liña de traballo fronte ao discurso de odio e a desinformación. Vogal da Coordinadora desde 2021.  

 

 

VOGALÍA // Macamen Díaz Sánchez

É delegada da Fundación Internacional de Solidaridad Compañía de María (FISC) en Galicia desde 2013. Ten unha ampla participación como voluntaria e activista no tecido social de Compostela. Actualmente é voluntaria en colaboración cos Servizos Sociais do Concello de Santiago dando clases a persoas adultas para competencias básicas e o graduado de secundaria. Tamén participa como voluntaria na prisión de Teixeiro e forma parte do grupo de mulleres cristiás galegas Exeria e da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas. É vogal da Coordinadora desde 2021. 

 

VOGALÍA // José Manuel Pérez Otero

Diplomado en Relacións Laborais e Mestrado en xestión de organizacións non lucrativas. Foi responsable da delegación de Axuda en Acción en Galicia e Asturias desde 2003 ata 2011. Actualmente, e desde 2012, é o presidente de SOLIDA Asociación de Cooperación ao Desenvolvemento. É consultor en Coop4Equality, consultora especializada en igualdade de xénero. É vogal da Coordinadora desde 2021.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: