ONG esiximos a Pedro Sánchez unha “investigación independente” que aclare o ocorrido e depure responsabilidades sobre a masacre de Melilla

Denunciamos o desproporcionado uso da forza contra a poboación civil, que provocou a morte de polo menos 37 persoas e centos de feridos.

Fonte: IPPDH

10 Novembro 2022 |

Organizacións sociais que traballamos na defensa de dereitos esiximos, nunha carta dirixida ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, unha investigación independente ante a vulneración do dereito á vida e á integridade física de miles de persoas o pasado 24 de xuño na fronteira de Melilla, que provocou a morte de polo menos 37 persoas e centos de feridos mentres trataban de alcanzar territorio español.

No escrito, as organizacións asinantes denunciamos o desproporcionado uso da forza contra a poboación civil e reclamamos que os feitos sexan investigados e axuizados co obxectivo de esclarecer o ocorrido e depurar responsabilidades para que a represión e violencia non quede impune, e para que se garantan os principios de verdade, xustiza e reparación ás vítimas e aos seus familiares. “O feito de que as operacións na fronteira se realizaron polos corpos de seguridade dos dous países non debe obstaculizar a necesaria rendición de contas e atribución de responsabilidades”, sinalamos as entidades asinantes.

Non é un caso illado

As ONG que traballan na fronteira con Marrocos veñen denunciando un aumento da violencia por mor da continuación da colaboración entre España e Marrocos en materia migratoria, e manifestan que estes crimes son consecuencia de políticas que vulneran o dereito á vida e os tratados internacionais de dereitos humanos ratificados por ambos os Estados. “Sucesos como o de Melilla, responden a unha política migratoria europea e española, sustentada na militarización e externalización das fronteiras a terceiros países non seguros, no racismo institucionalizado e na criminalización de quen exerce o seu dereito á mobilidade e á procura de protección”, explican.

As organizacións listan unha serie de peticións na súa carta. Entre elas, destacamos a necesidade de que se faciliten vías legais e seguras para as persoas que buscan seguridade e protección fronte á actual política de peche de fronteiras. Estas non só deben contemplar as previstas na lei de asilo española, senón tamén aquelas que derivan das recomendacións da Comisión Europea e o Parlamento europeo.

“É necesario que se impulse a revisión do enfoque da política migratoria da UE. Débese poñer fin á militarización e externalización de fronteiras, e ao desvío de fondos de cooperación a fins de control migratorio. A axuda ao desenvolvemento debe destinarse á loita contra a pobreza e a desigualdade; en ningún caso ao control, externalización de fronteiras e contención das persoas que fuxen dos conflitos e a miseria”, conclúen.

Neste sentido, as organizacións asinantes demandamos un cambio na actual política migratoria española e europea, priorizando a inclusión na centralidade da axenda política e social, e situando os dereitos humanos e o dereito á vida como eixo central da gobernanza das fronteiras.

As organizacións asinantes son: Alianza pola Solidariedade-ActionAid, Andalucía Acolle, CEAR, Entreculturas, A Coordinadora de Organizacións para o Desenvolvemento, Médicos do Mundo, Médicos Sen Fronteiras, Rede Acolle, Servizo Xesuíta a Migrantes, Save the Children e Stop Mare Mortum.

Fonte: Coordinadora Española de ONGD

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: