As violacións do dereito internacional humanitario estanse a producir de forma sistemática en todo o planeta. Especialmente en Palestina, onde -no que vai de ano- foron asasinadas 156 persoas traballadoras humanitarias. Son máis da metade das que a día de hoxe foron asasinadas nun mundo que nunca acadara estas cifras.
Israel utiliza a fame como arme de guerra, ataca hospitais, asasina a poboación civil -mesmo en puntos de reparto de comida- e bloquea a entrada de axuda. Organizacións humanitarias de todo o mundo denuciamos recentemente que “mentres o asedio do goberno de Israel mata de fame á poboación de Gaza, o persoal humanitario vese obrigado a facer cola nos mesmos comedores sociais, arriscándose a recibir disparos por alimentar as súas familias, de par de quen se supón que deben axudar”.
O sistema humanitario no contexto global
Outros países como Ucraína, Sudán do Sur, Eritrea ou o Sahel tamén viven situacións moi complexas nas que non se garante plenamente a asistencia humanitaria. O contexto mundial é tremendamente complicado e cuestiona as normas humanitarias establecidas hai décadas.
Oitenta anos despois da creación das Nacións Unidas, os seus principios fundacionais tambaléanse. O secretario xeral da ONU, António Guterres, laiouse dos ataques sen precedentes á Carta da ONU. Segundo denunciou, “o nivel de impunidade no mundo é políticamente indefendible e moralmente intolerable”.
A perigosa normalización do que é inxustificable
Organizacións da sociedade civil tamén deron a voz de alerta: os niveis de ataques á asistencia humanitaria non teñen precedentes.
O labor humanitario sofre graves restricións, carece de financiamento suficiente e é obxecto de ataques constantes. Normalizouse asasinar traballadores e traballadoras humanitarias e rara vez isto supón consecuencias legais sobre quen cometen os crimes. A promesa de protección rompeuse con total impunidade.
Como Coordinadora Galega de ONGD sumámonos a todas as ONG adicadas a garantir a asistencia humanitaria e renovamos o noso compromiso co Dereito Internacional Humanitario e cos dereitos humanos.
Esiximos, unha vez máis, o rigoroso cumprimento das normas establecidas internacionalmente para garantir a atención, a protección do persoal humanitario e da poboación civil, o respecto dos dereitos humanos e o fin da impunidade. Milleiros de vida están en xogo.
Debe garantirse unha atención específica a mulleres e nenas, así como establecer os mecanismos necesarios para a súa participación nas decisións, estratexias e accións que se tomen en contextos humanitarios.
Ademais, expresamos a nosa preocupación polo proceso de reforma do sistema humanitario mundial, coñecido como reset humanitario de Nacións Unidas. En liña con VOICE, a nosa organización aliada no ámbito humanitario, reclamamos que a reforma humanitaria asuma o compromiso de financiar de forma suficiente unha acción humanitaria baseada en principios.
Que impulse unha reforma integral do sistema baseada no liderado local; que protexa a calidade, a dignidade e a inclusión na acción humanitaria; que invista en resiliencia, preparación, acción anticipatoria e nexo entre a acción humanitaria, o desenvolvemento e a paz. Que apoie ás ONG, tanto locais como internacionais, como actor clave do sistema.
Obrigas legais ineludibles
Lembramos as obrigas legais dos Estados e a esixible rendición de contas ante as fallas sistemáticas que permiten que persista a violencia contra o persoal humanitario e a poboación civil.
O Dereito Internacional Humanitario debe cumprirse de forma estrita e rigorosa para evitar complicidades con violacións das normas comúns asumidas no marco de Nacións Unidas.
Xogámonos un sistema humanitario establecido hai oitenta anos e a humanidade non pode permitirse iso.
Queres saber máis sobre axuda humanitaria?
Aquí tes un amplo artigo que publicamos xusto hai un ano sobre o labor dalgunhas das nosas organizacións socias que tamén traballan neste ámbito. Como verás, nada mudou a mellor sobre o que entón che contabamos.
De feito, falamos dunha situación que non é nova. De pouco que celebrar e moito que denunciar falabamos en 2019. Unha situación que se complicaría o ano seguinte, no que falabamos de que un número récord de persoas precisaría axuda humanitaria nos vindeiros anos e que se mantería no 2021, cando alertabamos de que se acadara a cifra récord de persoas necesidades de asistencia humanitaria no mundo. Así, ata chegar ao día de hoxe.