A terceira edición do Premio Galego de Educación para Desenvolvemento e Cidadanía Global xa está en marcha, coa publicación este 16 de febreiro das bases desta nova convocatoria.
Quen pode presentarse ao Premio Galego de Educación?
Poden presentarse ao Premio docentes ou equipos de docentes de centros de ensino e universidades galegas de titularidade pública, concertada ou privada oficialmente recoñecidos pola Consellería de Educación.
O requisito fundamental é ter desenvolvido durante o curso 2022-23 e/ou neste curso 2023-24 experiencias educativas transformadoras que fomenten unha cidadanía solidaria, crítica e comprometida coa construción dun mundo máis xusto.
As bases inclúen información detallada, como lugar e prazo de presentación de candidaturas, documentación requerida e criterios de valoración das propostas. Así como a composición do xurado, os prazos de resolución e datas orientativas de actos e viaxes.
Hai tres categorías de participación:
- Categoría A: educación Infantil e Primaria
- Categoría B: ESO, Bacharelato, Formación Profesional e centros de encino de Réxime Especial e Ensinanzas Artísticas
- Categoría C: Ensino universitario
Esta terceira edición vén cunha novidade importante!
As experiencias premiadas no certame recibirán un elemento distintivo para o centro, así como diplomas para o alumnado e certificados para o equipo docente. Ademais da publicación das iniciativas e da asistencia e participación protagonista na gala de entrega de premios.
Pero ademais este 2024 o Premio incorpora unha importante novidade, consistente nunha viaxe a un proxecto de cooperación internacional en Guatemala -cos gastos da viaxe pagados- para 6 docentes (2 de cada centro gañador).
Dende a Coordinadora Galega de ONGD animamos a todos os docentes e centros galegos que desenvolven experiencias educativas nesta liña a participar.