A Coordinadora Galega de ONGD inaugurou hoxe no Parlamento de Galicia, xunto a representantes políticos e de entidades galegas, a exposición fotográfica ‘De oficio, defensoras’. A mostra, que poderá visitarse ata o 29 de novembro, está protagonizada por 17 mulleres defensoras de dereitos humanos de países como Guatemala, Colombia, Palestina, India ou o Chad que traballan man a man coas ONGD galegas.
A Coordinadora Galega de ONGD procura con esta actividade por en valor o labor que realizan as mulleres activistas en moitos países do mundo marcados polo autoritarismo e a criminalización ao traballo das ONGD. Nos últimos anos, a persecución cara persoas e organizacións da sociedade civil con vocación transformadora aumentou de xeito preocupante. “As nosas entidades socias no terreo; organizacións de mulleres e feministas; defensoras do territorio ou do medio ambiente, son perseguidas e mesmo ilegalizadas porque resultan presenzas incómodas. Porque denuncian as desigualdades e o expolio dos territorios”, defendeu María Paz, membro da Xunta Directiva da CGONGD.
Á esquerda, María Paz, pola CGOND, Miguel Ángel Santalices Vieira, Presidente do Parlamento, e Pilar Romero, pola Xunta de Galicia | Á dereita, representantes políticos e das ONGD participantes na exposición.
A exposición conta co financiamento da Xunta de Galicia e co apoio do Parlamento galego. Ao acto de inauguración asistiron 50 persoas en representación da Cámara, a Xunta e as ONGD.
Poñer o corpo para defender a vida
As ONGD galegas coñecemos de primeira man o importante papel que xogan as mulleres activistas na defensa dos dereitos e desenvolvemento humano sostible. Tamén, os riscos que, polo labor que realizan, afrontan. No 2021, Front Line Defenders documentou o asasinato de 358 persoas en 35 países polo seu traballo de incidencia e denuncia. As persoas que viven en lugares onde se violan as liberdades cívicas multiplicouse por dous segundo a organización CIVICUS.
No caso das mulleres, os perigos agrávanse e os retos que teñen que encarar a maiores que os seus compañeiros xustifican que se protexa e visibilice o seu labor de forma diferencial. Segundo a Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos, desde a irrupción da pandemia medraron as detencións arbitrarias, as campañas de desprestixio, a represión e a criminalización contra as mulleres defensoras de dereitos humanos.
Malia isto, as defensoras que protagonizan a exposición seguen adiante co seu activismo. Mulleres como Warda, unha defensora do dereito da saúde que traballa como psicóloga nos campos de persoas refuxiadas saharauís en Tindouf. Como Angélica que desde O Salvador defende a liberdade de expresión e de prensa nun contexto do hostigamento cada vez maior contra as xornalistas. Ou como Nayibis que desde Colombia, o país onde se dan máis casos de asasinatos contra defensoras e líderes comunitarios do mundo, traballa pola reparación, a reubicación e o retorno das persoas desprazadas como consecuencia do conflito armado no país. Elas xunto as miles de defensoras que non participan nesta exposición forman una rede esencial de personas que protexen dereitos e liberdades fundamentais.
Defender a quen defende
Ante este contexto de violencia e represión, as ONGD galegas mantemos o noso compromiso de defender a quen defende tecendo redes de apoio e denuncia global. Actualmente, estamos traballando para por en marcha o primeiro programa galego de apoio a persoas defensoras de dereitos. Tamén, continuamos desenvolvendo proxectos de cooperación internacional que buscan garantir o acceso a dereitos fundamentais de comunidades e persoas. “Coidar a vida e defender os dereitos de quen non os ten garantidos é tamén, sen lugar a dúbidas, o oficio das ONGD e das persoas que formamos parte delas”, expuxo María Paz. En 2020, as ONGD galegas puxeron en marcha 68 proxectos en 22 países como Bolivia, Mozambique e O Salvador que contribuíron a mellorar as condicións de vida de máis 400.000 persoas, a maioría delas mulleres e nenas.
Representantes das ONGD galegas presentan ás mulleres protagonistas da exposición
O actual contexto de desigualdades extremas non ten precedentes na historia. Segundo Oxfam International, 5,6 millóns de persoas morren cada ano por falla de acceso a servizos de saúde e máis de 2 millóns por mor da fame. Ao menos 67 mil mulleres perden a vida cada ano a causa da mutilación xenital feminina ou asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas e 80 millóns de persoas, o 1% da humanidade, vense obrigadas a desprazarse a causa de conflitos armados ou do cambio climático. Dende a Coordinadora Galega de ONGD alertamos da situación e destacamos a importancia de recoñecer a defensa de dereitos humanos como guía fundamental das políticas públicas de cooperación ao desenvolvemento das distintas administracións.
Exposición online
A exposición tamén pode visitarse de xeito virtual aquí<<. En formato físico estará instalada no Parlamento de Galicia ata o 29 de novembro. O percorrido pode visitarse en horario de luns a venres de 9 a 14h e de 16 a 18h cunha hora como máximo de acceso libre.