No Estado español, só 1 de cada 4 solicitudes de asilo é admitida

Fonte: IPPDH

13 Febreiro 2019 |

Massimo Sestini

O Comité Español de Axuda a Persoas Refuxiadas (CEAR) presentou o informe 2018 sobre a situación das persoas que pediron asilo no Estado español. O informe confirma que o Estado español só resolveu favorablemente 1 de cada 4 solicitudes de asilo en 2018, unha taxa de admisión moi por baixo dos principais países europeos de acollida. Recoñeceu a protección internacional a 2.895 persoas, das cales só 575 obtiveron o estatuto de refuxiadas, menos do 5% das peticións resoltas.
O Estado español rexistrou un novo récord con 54.065 persoas solicitantes de asilo admitidas a trámite, aínda que isto apenas supón o 0,1% do total da poboación. Ao mesmo tempo, tamén incrementou enormemente o número de expedientes pendentes por resolver, que alcanzou a cifra de 78.710.
“Desde CEAR reclamamos medidas para liquidar este atasco no sistema de asilo que leva acumulando nos últimos anos. Esta situación pon en evidencia a necesidade de maiores medios materiais e humanos para garantir tanto o acceso ao procedemento como a súa resolución”, denunciou Estrela Galán, directora de CEAR.

Por nacionalidades, Venezuela volveu ser o primeiro país de orixe dos solicitantes con máis de 19.000 peticións, seguido de Colombia (8.650), Siria (2.775) e Honduras (2.410). Con todo, a venezolana foi unha das nacionalidades con máis porcentaxe de peticións de asilo denegadas, con 30 resolucións favorables e 1.495 rexeitadas. “Confiamos que se aplique a proposta anunciada polo Goberno de conceder o permiso por razóns humanitarias a boa parte destas persoas, pero tamén debe ser aplicable ás provenientes doutros países que o requiran”, subliñou Galán.

Novos obstáculos
Desde o 1 de febreiro de 2019, o goberno español require o visado de tránsito ás persoas palestinas, un requisito que lles impide desde entón chegar ás fronteiras españolas e solicitar aí o asilo. Unha esixencia que tamén se estendeu desde o pasado ano ás persoas de Gambia e Camerún. “Nun momento en que as mortes de persoas que queren chegar ao noso país se contan por centenares, non só non se habilitan vías legais, senón que se reducen as posibilidades de que as persoas poidan buscar refuxio no noso país sen ter que xogarse a vida e poñerse en mans de traficantes”, sostivo Galán. Ademais, desde CEAR alertan especialmente da desprotección que están a sufrir as vítimas das maras. Pese ao forte incremento de solicitudes de países como O Salvador, Honduras e Guatemala, apenas se contaron 15 resolucións favorables a persoas provenientes destes 3 países. “As autoridades españolas seguen mirando cara a outro lado respecto á violencia das cuadrillas, contradicindo o criterio da Audiencia Nacional que en repetidas ocasións recoñeceu os actos e as ameazas destes grupos como un motivo de persecución”.

Fonte: CEAR

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: