O Salvador
Activista feminista e defensora dos dereitos humanos

William Adrián / Mariana Moisa
O activismo e a defensoría de dereitos das mulleres é o oficio de Morena Herrero desde hai máis de 40 anos. As inxustizas e desigualdades que historicamente atravesaron O Salvador e as vidas da poboación do país prenderon o lume da súa rebeldía cando era moi nova.
Hoxe, Morena forma parte da Colectiva Feminista e a Agrupación Ciudadana por la Despenalización del Aborto nun país, O Salvador, cunha das lexislacións máis restritivas do mundo en relación á interrupción do embarazo. Está penalizada en todos os casos, mesmo se acontece por causas naturais ou por complicacións obstétricas, e as mulleres poden chegar a ser condenadas a 50 anos de cadea por homicidio agravado.
“Estase exercendo violencia de Estado”. En 1998 mudou a lei que permitía o aborto en casos de malformación, agresión sexual e perigo para a vida da nai e desde ese ano ata 2020 foron denunciadas e procesadas 182 mulleres. O documental En deuda con todas aborda a loita dos movementos feministas salvadoreños pola despenalización do aborto.
Morena e as súas compañeiras traballan incansablemente para mudar a lexislación e garantir así os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e as nenas.
Tamén acompañan ás mulleres condenadas e ata a data conseguiron que 42 delas foran liberadas e que outras tantas acusadas de interromper o embarazo non foran condenadas.
“Loitar por superar as inxustizas e as desigualdades é o camiño para que todas as persoas vivamos máis libres e felices”.
Morena forma parte da Colectiva Feminista e a Agrupación Ciudadana por la Despenalización del Aborto – El Salvador, dúas organizacións que contan co apoio da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social e Asemblea de Cooperación pola Paz en procesos de fortalecemento institucional.