Máis paz, menos armas

O anuncio feito polo presidente do Goberno de destinar o 2% do PIB a gasto militar xera unha preocupación de partida: de onde sairá ese diñeiro? E unha segunda pregunta especialmente pertinente neste momento: queremos unha política de guerra ou unha política de paz?

Fonte: IPPDH

14 Marzo 2025 |

As organizacións que, como a Coordinadora Galega de ONGD, formamos parte de La Coordinadora de Organizaciones para el Desarrollo, damos a voz de alerta: o recente anuncio do presidente do Goberno de destinar un 2% do PIB a gastos militares antes do 2029 botará máis leña ao lume nun contexto mundial moi complexo.

O presidente de La Coordinadora, Javier Ruíz Gaitán, preguntábase ao respecto de onde sairán os cartos necesarios: “Restaranse de políticas sociais que garantan os dereitos humanos? A ecuación debera estar moi clara: trátase de defender políticas de guerra ou políticas de paz”

Unha política exterior orientada á paz

Estas preguntas xurden dende diversos ámbitos, onde preocupa o impacto deste medida nas políticas socias. Tamén no sector da cooperación, dende o que cremos que España ten a ocasión de marcar a diferenza e apostar por unha política de defensa dos dereitos humanos, da democracia, da cultura da paz e da protección do planeta.

Neste sentido, La Coordinadora lembra que “o Goberno debe defender unha Europa coherente cos seus valores fundacionais a favor da paz, os dereitos humanos, a convivencia e a democracia”. Tamén que a Unión Europea ten unha clara responsabilidade neste sentido e que debe desmarcarse de extratexias que engadirán máis destrucción e sofremento en todo o planeta.

A sociedade civil actívase pola paz

Ademais, numerosos colectivos rexeitan estes días esta aposta polo gasto militar e fan un chamamento a organizacións da sociedade civil e cidadanía a sumarse a esta reivindicación.

É o caso do manifesto contra o rearme e a guerra que diversas entidades e colectivos do Estado -entre elas a Coordinadora Galega de ONGD- asinamos estes días coa intención de que o texto, con todos os seus apoios, sexa presentado o vindeiro 26 de marzo no Congreso.

Tamén impulsa un manifesto -que dende a Coordinadora Galega de ONGD apoiamos- Catalunya per la Pau, no que inciden en que a historia xa nos ten ensinado que “os momentos de militarización sempre son o preludio da guerra”, formulando varias peticións directas ao Goberno de España:

  • Que non ceda antes as presións da OTAN, a Comisión Europea ou Donald Trump no aumento do gasto militar.
  • Que poña fin ao comercio de armas e tecnoloxía militar e de seguridade (compra, venda e tránsito) con Israel.
  • Apostar pola distensión que, lonxe da retórica ameazante e das espirais armamentísticas da OTAN, active o desarme, abra as portas ao diálogo e á confianza mutua co obxectivo de desescalar os conflitos mediante o uso da diplomacia.
  • Impulsar unha política exterior orientada á paz
  • Promover espazos de diálogo entre movementos sociais, académicos e políticos orientados ao desenvolvemento de propostas de políticas de paz.
  • Promover activamente a paz ambiental baseada en bases científicas, con políticas ambientais claras de descarbonización xustas e seguras que minimice e reparen os danos que afectarán ás xeracións futuras.
  • Impulsar políticas que incidan na mellora da vida cotiá das persoas, en materia de vivenda, saúde, educación e servizos sociais.

 

Podes ler estes puntos ampliados e o manifesto completo clicando aquí e tamén subscribir o manifesto ata o 25 de marzo

Cooperación e paz vs. gastos militares

De materializárense as declaracións do presidente do Goberno e de non incrementarse os recursos destinados a cooperación, nos próximos anos poderiamos ver como os gastos militares son dez veces máis que os fondos destinados a cooperar.

Ou doutro modo: subiríase entre 4.000 e 5.000 millóns de euros anuais en gasto militar ata o ano 2029. Isto suporía que a subida en tan só un ano superaría a cifra actual de Axuda Oficial ao Desenvolvemento de España, que está arredor dos 3.800 millóns.

Falamos, por tanto, do 2% do PIB en gasto militar fronte ao 0,24% que recibe a cooperación internacional para o desenvolvemento. Unha cifra moi alonxada do compromiso contemplado pola lei aprobada hai dous anos, que aspira a chegar a un  0,7% do noso PIB en 2030.

 

Por que a cooperación importa?

Esta tendencia é moi preocupante nun planeta que sofre o maior número de conflitos trala II Guerra Mundial. Dende Ucraína ata Palestina, pasando pola República Democrática do Congo, Sudán e ducias máis con escaso impacto mediático.

Superamos xa o vergoñento récord de máis de 120 millóns de persoas obrigadas a abandonar os seus fogares. A emerxencia climática causa cada vez maiores estragos, os feminicidios e os recortes de dereitos das mulleres avanzan de xeito alarmante e, en moitos lugares, defender os dereitos supón a persecución e incluso a morte.

Por se iso fora pouco, o peche da Axencia de Estados Unidos para o Desenvolvemento -e a pesar das prácticas que se lle atribúen alleas á cooperación- está xa a impactar de xeito moi grave nas condicións de vida de millóns de persoas en situación de extrema vulnerabilidade.

Este contexto esixe artellar solucións compartidas, cooperar e xerar propostas colectivas en defensa da paz e os dereitos humanos. E apostar por unha defensa radical destes dereitos, da paz en si mesma e da garantía de vidas dignas para todas as persoas, en todo o planeta.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: