Día Internacional da Acción humanitaria: máis necesaria que nunca, máis en perigo que nunca

Fonte: Coordinadora de ONGD – España

 

Massimo Sestini

Este 19 de agosto celébrase o Día Internacional da Acción humanitaria, unha efeméride instituída pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas en decembro de 2008. Desde entón, por desgraza, cada vez hai menos que celebrar.

Nos últimos anos asistimos a un aumento de crises humanitarias provocadas por conflitos ou polas consecuencias das secas, as malas colleitas, as inundacións, etc. provocadas polo cambio climático ou a acción da industria extractivista. Ademais, estamos a vivir unha redución do espazo humanitario mediante ataques a instalacións e persoal de ONG así coma a persecución e criminalización das persoas que traballan neste sector e das entidades de rescate de persoas migrantes.

Estes son algúns dos datos que amosan a situación de emerxencia e crise humanitaria no mundo:

  • Uns 136 millóns de persoas necesitan asistencia e protección humanitaria no mundo, segundo as previsións para 2018 da Oficina de Nacións Unidas para a Coordinación de Asuntos Humanitarios.Un 5% máis que en 2017.
  • Máis de 44.500 persoas víronse obrigadas a abandonar as súas casas cada día en 2017, unha persoa cada dous segundos.
  • A cifra de desprazados forzosos no mundo é de 68,5 millóns, unha récord que supón un aumento do 50% con respecto a fai dez anos, cando eran 42,7 millóns, conforme aos datos do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR).
  • En 2017 houbo 158 incidentes violentos de gravidade contra operacións humanitarias en 22 países, en base aos datos recompilados por o equipo de investigadores especializados en axuda humanitaria Humanitarian Outcomes.
  • Estes ataques afectaron a 313 traballadores e traballadoras humanitarios, dos que139 morreron. É a segunda cifra máis alta desde 2013, anos no que foron asasinados 156. Entre as vítimas, a maioría era persoal local (285 nacionais e 28 expatriados).
  • Máis de 1.500 persoas morreron afogadas no Mediterráneo no que vai de 2018, a pesar de que o número de chegadas descendeu a case a metade. Son cifras da Organización Internacional para as Migracións (OIM).
  • Entre xuño e xullo perderon a vida polo menos 851 persoas nas augas do Mediterráneo Central, o 80% de todos os falecementos rexistrados nesta ruta. Nestes dous meses coincidiron o peche dos portos italianos e a decisión da Unión Europea de ceder a coordinación dos rescates aos gardacostas libios.
  • Nos Orzamentos Xerais do Estado 2018, a Axuda Humanitaria supuxo 19 millóns de euros. Tan só dous millóns máis que ao ano anterior. Hai 10 anos os fondos destinados a esta partida eran 350 millóns.

Fronte a esta situación, a Coordinadora de Organizacións para o Desenvolvemento da que a Coordinadora Galega ONGD forma parte, quere:

  • Reivindicar o labor das miles de organizacións e traballadores e traballadoras humanitarios que dedican os seus esforzos para aliviar o sufrimento de miles de persoas e a defender os seus dereitos fundamentais.
  • Lembrar que as organizacións de acción humanitaria e de cooperación internacional non deben ser xamais un obxectivo dos ataques de grupos terroristas ou das partes enfrontadas nun conflito. Nós estamos e estaremos sempre ao lado de quen padece as consecuencias e non de quen as provoca. É moi preocupante como se está reducindo nos últimos anos o espazo humanitario e a pasividade da comunidade internacional respecto diso.
  • Reclamar que a Unión Europea e os seus Estados membros poñan fin a unhas políticas migratorias que están a poñer en risco a vida de miles de persoas. Os gobernos deben cumprir os acordos internacionais en materia de dereitos humanos e asumir a tarefa de rescate e acollida das persoas migrantes.
  • Instar á UE para poñer fin aos acordos de externalización de fronteiras con terceiros países, especialmente con aqueles nos que hai constancia de graves violacións dos dereitos humanos.
  • Demandar que os países doantes deixen de eludir as súas responsabilidades en materia de asistencia humanitaria.
  • Esixir que o Estado español destine a Acción Humanitaria como mínimo o 10% da Axuda Oficial ao Desenvolvemento, que á súa vez debería ascender ata o 0,4% da Renda Nacional Bruta ao final desta lexislatura.
  • Recalcar a importancia de que as políticas públicas sexan coherentes co Desenvolvemento Sustentable. A acción dos Estados non só debe ir destinada a paliar as consecuencias, senón sobre todo a afrontar as causas dos desastres. Os Gobernos non poden seguir autorizando a venda de armamento a países en guerra que violan os dereitos humanos ao empregalo contra poboación civil e persoal humanitario ou apoiando a internacionalización de empresas que esquilman os recursos naturais en países empobrecidos.