O proxecto, impulsado pola Coordinadora Galega de ONGD e a Deputación de Pontevedra en colaboración coa Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos, conta cunha exposición fotográfica e a publicación de tres libros sobre as vidas e compromiso pola xustiza social das defensoras.
As violencias que sofren as activistas ao levar a cabo o seu labor aumentaron coa irrupción da pandemia da COVID-19: creceron as detencións arbitrarias, as campañas de desprestixio e a represión.

As mulleres defensoras de Dereitos Humanos de Mesoamérica, a rexión comprendida entre o sur de México e Costa Rica, son as protagonistas da segunda edición da iniciativa ‘Defensoras de Dereitos’.
As súas historias de vida, o seu traballo en defensa dos dereitos das mulleres, das comunidades indíxenas, do territorio… son o fío condutor desta iniciativa impulsado pola Coordinadora Galega de ONGD e a Deputación de Pontevedra en colaboración coa Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos (IM-Defensoras).
Libros que sementan cambios
Unha das principais actividades da iniciativa e a posta en marcha da colección ‘Defensoras de dereitos’. Nace con tres libros que narran as vidas e o compromiso coa xustiza social de Miriam Suazo, Estela Ángeles Mondragón e María Cuc Choc. Tres activistas de Honduras, México e Guatemala, respectivamente, que forman parte das máis de 2.000 mulleres organizadas arredor de IM-Defensoras.
Atopa aquí toda a información>>>
A colección presentouse o 16 de decembro no Museo de Pontevedra. Neste vídeo podedes vela integramente:
Xunto ás historias de vida e acción política das defensoras, os libros dan a coñecer o contexto social e político que está a provocar as situacións de desigualdade e inxustiza que afrontan as súas protagonistas. A colección está dirixida ao público xuvenil e ten un formato adaptado para que, desde os centros educativos e os espazos de educación non regrada, se reflexione e traballe colectivamente o seu contido.
A autora dos libros é a xornalista marinense Lara Dopazo Ruibal quen, ademais de ter publicados outras obras poéticas e narrativas, está especializada en Cooperación Internacional. Ruibal é actualmente voluntaria da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social e é precisamente esta organización quen acompañará os centros educativos que soliciten traballar os contidos dos libros dende as aulas.
Conversa online coas protagonistas
O 9 de decembro, organizouse unha conversa online coas tres protagonistas dos libros baixo o título ‘Defensoras de dereitos: soster a vida, sementar o cambio’. Neste encontro coñecimos de primeira man, a través da súa testemuña, a realidade e os principais problemas que afectan aos seus países e comunidades e a persecución e violencia que sofren por dedicar a súa vida a defender os dereitos humanos. Aquí podedes escoitalas:
Exposición fotográfica #Defensoras Semillas de Cambio
#Defensoras Semillas de Cambio é unha exposición fotográfica que recolle os retratos e as historias de vida e acción política de 15 mulleres defensoras de dereitos Humanos de Honduras, Guatemala, El Salvador, México e Nicaragua entre as cales están as tres protagonistas dos libros.
Neste enlace>>> pode accederse a todas as fotografías e relatos.
As fotografías da exposición colocáronse en 30 comercios repartidos entre Pontevedra, Gondomar e A Estrada. A exposición é unha adaptación da campaña de IM-Defensoras que, baixo o nome #Defensoras Semillas de Cambio, ten como obxectivo homenaxear as máis de 2.000 defensoras articuladas en Mesoamérica arredor desta organización. Estudantes, xornalistas, labregas, académicas, sindicalistas, mestras, tecedoras, amas de casa, artistas…
As consecuencias da pandemia nas vidas das defensoras
A irrupción da pandemia e a resposta que están a dar os gobernos de Mesoamérica á mesma está a impactar enormemente sobre as vidas e o labor das activistas. “A pesar de que o coronavirus agravou a crise de dereitos humanos e a violencia estrutural que vive Mesoamérica desde hai siglos, os gobernos non consideran esencial o traballo das defensoras”, aseguran dende IM-Defensoras.
Dende marzo, 8 de cada 10 defensoras víronse obrigadas a confinarse e a suspender a súa actividade de acompañamento presencial ás compañeiras e comunidades coas que traballan. Ademais, neste contexto, o risco de sofrer violencia aumentou significativamente. Entre marzo e novembro de 2020, as alertas recibidas por IM-Defensoras incrementáronse un 123% respecto ao mesmo período do ano anterior. Se en 2019 foron 61, en 2020 xa son 136. Medraron as detencións arbitrarias, as campañas de desprestixio, a represión e a criminalización. Dende marzo, 10 defensoras mesoamericanas foron asasinadas.
IM-Defensoras
A Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos (IM-Defensoras) foi creada en 2010 como unha articulación de organizacións e redes de cinco países: El Salvador, Guatemala, Honduras, México e Nicaragua
Os seus obxectivos, ámbitos de acción e dinámicas son diversos e danse nun contexto de violencia que enfrentan as defensoras de dereitos humanos polo seu labor e que se realiza en condicións de inseguridade e desigualdade. Traballan desde o recoñecemento da diversidade e xerando estratexias de protección feminista para potenciar colectivamente a sostibilidade da defensa dos dereitos humanos en Mesoamérica e seguridade, benestar, liderado e autonomía das activistas. Actualmente, hai máis de 2.000 mulleres articuladas arredor de IM-Defensoras.