Cooperación ou colapso

Propostas do XV encontro da Rede de Coordinadoras Autonómicas de ONGD para recuperar as políticas de cooperación descentralizada

Fonte: IPPDH

No XV encontro da Rede de Coordinadoras Autonómicas de ONGD, da cal a Coordinadora Galega de ONGD forma parte, aprobouse o seguinte comunicado no que reclamamos:

Que a política de cooperación ao desenvolvemento sexa asumida en todos os niveis da administración do Estado, desde o goberno central ata o máis pequeno concello, como unha política pública, estable dotada de recursos técnicos e económicos suficientes, garantindo así unha acción solidaria transformadora a medio e longo prazo, á marxe de cambios electorais.

O recoñecemento do valor específico que achega a cooperación descentralizada –proximidade á poboación, bagaxe internacional e experiencia acumulada– por parte da Administración Xeral do Estado. Neste sentido é necesario mellorar a participación activa dos diversos actores da cooperación descentralizada na planificación da política de cooperación española a través de foros formais e informais. Normalizar as convocatorias da Comisión Interterritorial e potenciar as “reunións de axencias” son pasos fundamentais para un camiño compartido.

Imaxe do encontro

Un incremento gradual do orzamento destinado ás políticas de cooperación, marcando como obxectivo alcanzar o 0,7% do orzamento antes de 2030. Pedimos que se dote á Acción Humanitaria de recursos suficientes e mecanismos adecuados #ante un contexto internacional no que a cantidade e violencia dos desastres naturais aumenta cada ano. Así mesmo pedimos que se promova a Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global ( EpDCG) para contribuír á construción dunha cidadanía global crítica e activa que actúe a favor da xustiza social e a equidade no mundo.

Insistimos en que os fondos que se destinen para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e sensibilizar sobre eles non deben ser detraídos das partidas de Axuda Oficial para o Desenvolvemento. Recoñecendo o reto que supón a Axenda 2030 no seu conxunto (Acordo de París sobre cambio climático, Nova Axenda Urbana – Habitat III, Axenda de Acción Adis Abeba de financiamento do desenvolvemento e o Marco de Sendai para Redución do Risco de Desastres) para alcanzar o desenvolvemento humano sustentable e o efectivo goce dos dereitos económicos, sociais, culturais e ambientais, #ante o cal todos os niveis de goberno teñen responsabilidades comúns pero diferenciadas.

Recomendamos que o Consello Estatal de Cooperación para o Desenvolvemento teña presente, no proceso de reformas que está a impulsar, a singularidade da cooperación descentralizada española como un elemento estrutural para configurar unha cooperación moderna que responda os retos globais canalizando o torrente solidario da cidadanía do noso país coa sociedade civil dos países empobrecidos.

Consideramos necesario diferenciar a especificidade da cooperación municipal así como das súas ferramentas e programas, en especial as relacións internacionais e os intercambios de capacidades técnicas e de xestión. Destacamos o valor engadido que achegan ao ecosistema da cooperación descentralizada os Fondos de Cooperación, alí onde os hai, como capital semente dunha colaboración de importantes impactos.

Reclamamos que se busquen fórmulas que reduzan o desgaste burocrático que sufrimos as organizacións de cooperación ao desenvolvemento debido á heteroxeneidade do sistema. É urxente retomar procesos de harmonización e homoxeneización de criterios no relativo ás subvencións e convenios. Así mesmo, acometer a reforma do marco legal que na actualidade dificulta o despregamento da cooperación descentralizada, en especial a LRSAL.

Esiximos que a acción dos gobernos, en ningún dos niveis administrativos, sexa cómplice de violacións de dereitos humanos ou de agresións ao medio ambiente, polo que consideramos imprescindible incorporar o enfoque de Coherencia de Políticas para o Desenvolvemento Sustentable á hora de deseñar e levar a cabo a acción de goberno. Isto supón tomar partido en cuestións como o comercio de armas, as políticas de migración e refuxio, a fiscalidade internacional, o papel das empresas transnacionales, a política climática, etc. Así mesmo solicitamos que as administracións locais establezan criterios de Compra Pública Ética e de promoción do Comercio Xusto, a Banca Ética e a Economía Alternativa.

Demandamos que se garanta a participación efectiva das organizacións da sociedade civil, de aquí e de alá, na políticas de cooperación e que se recoñeza o papel das Coordinadoras Autonómicas de ONGD como entidades representativas do sector que achegan coñecementos e experiencia especializada sobre a materia. A revitalización dos Consellos de Cooperación como organismos de participación é irrenunciable.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: