Compostela co Sur Global

Para as persoas que queren saber en que consiste un proxecto de cooperación ao desenvolvemento, quen e como os leva a cabo, cal é a situación dos países e comunidades nos que se desenvolven ou que obxectivos teñen, ideamos a actividade Compostela co Sur Global.

 

Nela falamos de todo iso e moitas máis cousas que foron xurdindo coa conversa. Pero aquí tes o máis relevante sobre os proxectos que protagonizaron a xornada e que contaron co apoio do Concello de Santiago a través da súa subvención pública para cooperación ao desenvolvemento.

Compostela co Sur Global, proxecto a proxecto

Entre xaneiro e setembro de 2023 Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) traballou conxuntamente coa Fundación Redes (O Salvador) no desenvolvemento socioeconómico equitativo e o restablecemento dos medios de vida de mulleres e xuventudes de zonas rurais do Municipio de Berlín, no Departamento salvadoreño de Usulután.

Os piares fundamentais desta iniciativa foron o fortalecemento da autonomía e da soberanía alimentaria e a participación da poboación en espazos de formación e capacitación comunitaria, tratando de consolidar redes de apoio entre iguais en pro do debate democrático e participativo arredor do dereito humano a unha alimentación saudable.

Para iso facilitáronse dinámicas de produción e consumo vinculadas á preservación do medio ambiente con equidade de xénero. Sen esquecer que estas iniciativas deben partir da propia realidade cotiá das comunidades rurais, as súas problemáticas, necesidades, desexos e dereitos, contribuíndo á construción colectiva de espazos auto-organizados e de auto-xestión.

Conxuntamente, implementáronse 9 unidades de produción de alimentos lideradas por mulleres e xuventude; xeráronse espazos e xornadas de capacitación teórico-práctica sobre produción de alimentos manofacturados; consolidáronse mercadiños alternativose e abríronse procesos de incidencia e democratización de saberes arredor da seguridade e a soberanía alimentaria en relación co cambio climático, así como coa organización dunha feira lúdica para promover os dereitos da nenez e a mocidade.

No 2023 Arquitectura sen Fronteiras desenvolveu este proxecto, que é tamén un exemplo de colaboración exitosa coas comunidades locais, que é quen deben ser, en todos os procesos, actores do cambio.

Neste caso, tratouse das Comunidades Mam Cajolá Bendición, formadas por poboación desprazada, que chegou á zona no 2019 tras acceder a un crédito do Fondo de Terras de Guatemala para poboación altamente vulnerable. Dende esa data, as familias fóronse asentando, pero sen planeamento, servizos básicos ou infraestruturas. Ademais, ao ter estruturas organizativas con pouca experiencia, a vulneración de dereitos é unha constante, xa que afrontan de maneira autónoma estas circunstancias.

O acompañamento dos TO (Fondo de Terras, municipalidade e órganos gubernamentais) é mínimo por falta de medios. E, á súa vez, a falta de organización e os baixos niveis académicos da pobación limitan a relación cos TO e a súa propia gobernanza interna. A Comunidade Mam Cajolá é indíxena. Segundo o INE, máis do 79% da poboación indíxena de Guatemala vive en condicións de pobreza.

No marco deste proxecto fortalacéronse as dinámicas de participación. As familias beneficiarias participaron en obradoiros de vivenda saudable e de mantemento dos 68 sanitarios secos que se construíron. Con eles mellorouse a calidade da auga do subsuelo, que estaba sendo contaminada.

 

O proxecto de Amigas da Terra tivo como fin fortalecer as condicións de vida de familias rurais, a través do apoio a modelos de agronegocios amigables co medio ambiente. Beneficiou a 98 produtores e produtoras de cacao (42 mulleres e 56 homes) asociadas a 5 cooperativas e un grupo de mulleres lideresas no municipio de San Carlos, no departamento de Río San Juan (Nicaragua).

Para acadar este obxectivo desenvolvéronse obradoiros para a elaboración de subprodutos do cacao e impulsouse a mellora de equipamentos e de boas prácticas de manufactura das cooperativas. Promoveuse o deseño de marcas comerciais e fortaleceuse a capacidade dxs produtorxs de acceder a mercados xustos.