Aprobado o Plan Anual da Cooperación Galega 2019

O Consello de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (CONGACODE) aprobou onte o Plan Anual da Cooperación Galega 2019, o documento que marca a acción de goberno en materia de cooperación internacional ao desenvolvemento para os próximos 12 meses. A planificación, tal e como establece o IV Plan Director da Cooperación Galega 2018 – 2021, contará cun orzamento de 5,6 millóns de euros para este ano, un 11,6% máis que en 2018. Unha cifra que representa o 0,05% do orzamento da Xunta de Galicia en 2019 e que se atopa moi alonxada do máximo histórico de 11,6 millóns de euros (0,1% do orzamento total) alcanzada hai dez.

As cinco persoas representantes da Coordinadora Galega de ONGD no CONGACODE votaron a favor da aprobación do Plan. Fixérono expoñendo dúas críticas sobre ás que consideran necesario poñer atención para mudar os vindeiros anos. Por unha banda, apuntaron que a convocatoria de proxectos no exterior dirixida a ONGD non contará en 2019 cun aumento orzamentario aínda que os fondos da Cooperación Galega crecerán un 11,6% este ano e que outras convocatorias medrarán por riba desta porcentaxe. O mantemento dos fondos destinados a unha convocatoria que, cada ano, deixa sen financiar proxectos aprobados por falta de orzamento non é unha boa nova. Dende as ONGD enténdese que a responsabilidade para superar a histórica falta de fondos para aprobar todas as iniciativas presentadas e aprobadas recae, de novo, no organizacións e non na administración. Pola outra, consideraron que as convocatorias de concorrencia competitiva dirixidas a ONGD están superando o importe de fondos comprometidos para as segundas anualidades (2020) respecto aos fondos dispoñibles para o ano en curso e que esta realidade pode crear unha burbulla a longo prazo. Instouse ao goberno a telo en conta para os próximos anos.

As representantes da Coordinadora tamén consideraron que o Plan Anual 2019 achega algunhas novidades positivas a ter en conta como o aumento orzamentario previsto e a previsión de avaliar o programa de bolsas para persoas expertas en cooperación con máis de 15 anos de historia. Tamén, a proposta de avaliar a pertinencia de iniciar unha liña de traballo interdepartamental de protección de persoas defensoras de dereitos humanos que se atopan en situación de perigo como consecuencia do seu activismo.

Outra iniciativa positiva é a que presentou a representante da Secretaria Xeral de Igualdade. En relación co Pacto de Estado contra la Violencia de Género, informouse que o goberno galego conta con fondos para executar actuacións dirixidas á atención de persoas migrantes, mulleres en campos de persoas refuxiados e mesmo en situacións de tránsito (as medidas 36 e 37). Para ver de que forma se poden traballar formas de axuda concretas xunto ás ONGD, organizarase un encontro conxunto para analizar as posibilidades de colaboración.

O documento final do Plan estará dispoñible os vindeiros días na páxina web da Cooperación Galega.