O pasado venres 24 de maio a Coordinadora Galega de ONGD celebrou a súa asemblea xeral. Unha cita de carácter anual na que dar conta do feito e someter a votación varias cuestións. Entre elas, a incorporación de cinco organizacións de cooperación ao desenvolvemento que nos últimos meses indicaran o seu interese en formar parte da Coordinadora.
Unha Coordinadora Galega de ONGD máis ampla e diversa
As cinco organizacións aspirantes a entrar na Coordinadora eran Azada Verde, SODePAZ, ¿Por qué no?, Beyond Suncare e Rescate Internacional. Trala votación da asemblea, as cinco pasaron a formar parte das organizacións socias.
Isto significa que a Coordinadora Galega de ONGD suma 47 organizacións que traballan no eido da cooperación ao desenvolvemento, a educación para a cidadanía global e a acción humanitaria.
Estas incorporacións ensanchan tamén o mapa da cooperación galega, sumando proxectos en Mozambique, Tanzania, Líbano, Cuba, ou Haití, entre outros países nos que as organizacións galegas xa levan tempo impulsando procesos de cooperación ao desenvolvemento.
Repaso ao feito no 2023
Ademais de votar a incorporación das organizacións que solicitan entrar a formar parte da Coordinadora Galega de ONGD, cada asemblea xeral ofrece a posibilidade de revisar e repasar polo miúdo o feito no exercicio anterior.
O 2023 estivo marcado na súa recta final pola situación en Palestina e pola campaña solidaria Sandías pola Paz, que neste 2024 mantemos plenamente activa. Pero, ademais disto, dende a Coordinadora Galega de ONGD fixéronse moitas cousas que ti tamén podes coñecer.
Para iso, convidámoste a botarlle un ollo á Memoria de Actividades do 2023. E a non perdernos de vista neste 2024, no que seguimos a traballar por unha sociedade máis xusta e igualitaria.