QUE TEÑEN QUE VER AS SANDÍAS COA SOLIDARIEDADE CO POBO PALESTINO?

Imaxe dunha fiestra cun cartaz que pide o alto o fogo en Palestina xunto á imaxe das sandías, en lugar de bandeiras

A sandía é probablemente a froita máis emblemática para representar a solidariedade co pobo palestino. Cultivada desde Yenín ata Gaza, comparte as mesmas cores que a bandeira palestina -vermello, verde, branco e negro-. O seu uso popularizouse tras a Guerra dos Seis Días de 1967, cando Israel fixou como delito a exhibición pública da bandeira palestina en Gaza e Cisxordania, territorios que ocupou naquel momento.

Israel levantou a prohibición da bandeira palestina en 1993, como parte dos Acordos de Oslo, que implicaron o recoñecemento mutuo por parte de Israel e a Organización de Liberación de Palestina e foron os primeiros acordos formais para tratar de resolver o conflito israelo-palestino en décadas. A bandeira foi aceptada como representante da Autoridade Palestina, que administraría Gaza e Cisxordania.

Aínda así, a sandía impúxose como símbolo de resistencia. Aparece en obras de arte, camisetas, grafittis, carteis e no omnipresente emoji da sandía nas redes sociais, representa a solidariedade con Palestina en todo o mundo.

A NOSA CAMPAÑA #SANDÍAS POLA PAZ 

A partir deste símbolo dende a Coordinadora Galega de ONGD lanzamos a campaña #SandíasPolaPaz, que consistiu na entrega de chapas con debuxos de sandías aos nosos representantes políticos pero tamén espallalas polas nosas vilas e cidades en solidariedade co pobo palestino e pedindo un alto o fogo permanente e sen condicións.

Ademais, esiximos ao goberno de España, xunto con outras 375 organizacións o fin da axuda militar e o comercio de armas con Israel. A lei de exportación de armas española, a posición común europea e o Tratado Internacional de Comercio de Armas prohiben a exportación armamentística a países en conflito ou nos que se vulnere o dereito internacional humanitario, como é o caso de Israel. Podes coñecer máis sobre a campaña #StopArmasConIsrael aquí.

E por suposto, demandamos sen descanso o cumprimento do dereito internacional humanitario e o fin da guerra.

QUERO UNHA CHAPA!

Podes atopar chapas de balde nos seguintes puntos:

| A Coruña 

Tenda de Comercio Xusto Solidariedade Internacional, Bensenta

| Santiago de Compostela 

ONGD InteRed (Praza do Matadoiro, 7), Libraría Pedreira, Perruquería Susana Puente, La tienda de María, Quenlla SCQ, Cousalinda, Mimolett, Trisquel Artesanía, Lafemme, Bombarda, Xoguetería EscondiT, Númax e Perruquería Rosa Gómez.

| Lugo 

Arcoiris Musical

| Pontevedra 

Tenda de Comercio Xusto Solidariedade Internacional

| Ourense 

Tenda de Comercio Xusto Solidariedade Internacional


Pero se non podes esperar e queres a túa chapa xa, aquí che deixamos un deseño que podes descargar e usar libremente. Podes compartilas coas túas amigas, compañeiras de traballo, familia…

COLABORA COAS NOSAS ONGD EN PALESTINA

Catro organizacións da Coordinadora Galega de ONGD traballan dende hai máis de dúas décadas en territorio palestino ofrecendo axuda humanitaria e desenvolvendo proxectos de cooperación con entidades locais: Médicos do Mundo, Movemento pola Paz, Asemblea de Cooperación pola Paz e Farmamundi.

Médicos do Mundo ten activa unha campaña de emerxencia en Gaza. Podes realizar a túa doazón mediante bizum ou a través da súa páxina web.

Médicos do Mundo é unha organización humanitaria rexida polos principios de independencia e neutralidade, presente en Palestina e, concretamente na Franxa de Gaza, dende 2006.

Especializada nas emerxencias médicas, ofrecendo apoio operativo e técnico que inclúe formación e supervisión do persoal médico local, subministración de equipos médicos, medicamentos e outros materiais, especialmente na área de trauma e da cirurxía ortopédica.

Outro importante ámbito de traballo é o da saúde mental da poboación palestina, “extremadamente afectada polo conflito e a ocupación”.

Neste sentido a organización presta servizos de saúde mental ás persoas vítimas da violencia colona e das forzas de ocupación israelís e traballa para fortalecer as capacidades do persoal sanitario e educativo e das organizacións da sociedade civil para dar resposta e apoio, así como para a coordinación entre os diferentes actores institucionais e da sociedade civil.

 

MPDL traballa nos territorios Palestinos ocupados desde 1994, onde desenvolveu máis de 40 intervencións en Cisxordania e Gaza, intervencións nos ámbitos da cooperación ao desenvolvemento e da axuda humanitaria nos sectores da defensa e a promoción dos dereitos da muller e persoas con discapacidade e fortalecemento da sociedade civil. A súa sede permanente atópase en Ramallah desde xuño de 2023.

En Cisxordania, a súa acción nos últimos anos centrouse nas gobernacións de: Hebrón e Belén. No Territorio Palestino Ocupado (TPO), a bagaxe de MPDL no ámbito da Acción Humanitaria e de emerxencia céntrase máis en Gaza e susténtase en 16 intervencións centradas no sector da saúde e dirixidas a aliviar a situación e sufrimento da poboación máis vulnerable, persoas con diversidade funcional, menores e mulleres, prestando asistencia en todas as crises humanitarias desde a Segunda Intifada.

 

Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) leva décadas traballando pola construción da paz en Oriente Medio da man de organizacións locais e tendendo pontes entre entidades palestinas e israelís. A delegación galega non desenvolve ningún proxecto actualmente en Palestina pero si traballou no pasado grazas ao financiamento da Xunta de Galicia.

Nos últimos anos, ante o retroceso dos procesos de paz provocados pola negativa a participar nas negociacións por parte do goberno de Netanyahu, ACPP centra a súa acción en dúas vías de traballo:

  • A estratexia humanitaria, coa que se pretende contrarrestar algúns efectos da ocupación que requiren dunha atención inmediata e efectiva como pode ser a recuperación/rehabilitación de terras, incidencia política, fomento de accións comunitarias para a protección de dereitos, mellora do acceso á auga, enfrontar as políticas urbanísticas Israelís en Zona C etc. Esta Estratexia Humanitaria permite ademais a creación de alianzas estratéxicas, que van máis aló do mero diálogo entre organizacións palestinas e israelís que en termos xerais están a loitar polos mesmos obxectivos.

 

  • A cooperación ao desenvolvemento a mediante o empoderamento socioeconómico da muller a través de grupos de emprendemento: traballamos xunto con PARC, e diversas cooperativas/grupos (compostas só por mulleres e mixtas), entendendo a loita contra a desigualdade de xénero como un ámbito no que as accións no social, o económico e o político deben ir da man para poder conseguir cambios reais nunha sociedade patriarcal como a palestina.

 

OUTRAS CAMPAÑAS ÁS QUE TE PODES SUMAR
  • Na conta de instragram Flyers for Falastin podes atopar centos de deseños realizados por artistas de todo o mundo. Son ilustracións fermosas, duras e con mensaxes moi potentes. Todas as imaxes son de uso libre, podes compartilas en redes, imprimilas e colalas nas túas ventás, comercios, escolas ou facer exposicións no teu barrio.

 

  • As organizacións Galiza por Palestina, Asociación Galaico-Árabe Jenin, BDS Galiza e Mar de Lumes convocan semanalmente concentracións en solidariedade co pobo palestino en todas as grandes cidades e vilas galegas.

 

  • Tamén existen grupos territoriais onde a veciñanza se organiza para realizar diferentes accións de apoio como Lugo por Palestina, O Condado por Palestina, Morrazo por Palestina, Allariz por Palestina. Busca na túa comarca!