A Coordinadora Galega de ONGD pide aos representantes políticos que esixan un cese da violencia inmediato en Gaza

A poboación de Gaza non ten onde refuxiarse para cumprir o ultimato de 24 horas dado por Israel para que un millón de persoas abandonen o norte da Franxa. As ONGD esiximos a apertura inmediata de corredores humanitarios e garantir a seguridade do persoal para poder atender as necesidades urxentes da poboación civil.

Fonte: IPPDH

13 Outubro 2023 |

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2023

A Coordinadora Galega de ONGD insta ao Goberno encabezado por Pedro Sánchez, que ostenta a presidencia actualmente da Unión Europea, ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a todos os grupos parlamentarios e partidos políticos, a que esixan un cese inmediato da violencia ás partes belixerantes en Gaza para evitar un desastre humanitario sen precedentes nas décadas de conflito que sufre a rexión.

Ante o ultimato dado por Israel para que nun prazo de 24 horas un millón de persoas abandonen o norte de Gaza, as ONGD e axencias das Nacións Unidas que traballan no terreo advirten de que a poboación da Franxa, que ten unha das densidades de poboación máis altas do mundo, non ten onde refuxiarse e tampouco pode abandonar Gaza porque se atopa sitiada.

Por iso rogamos ás partes que poñan fin inmediato ao uso da violencia e inicien conversacións de paz co apoio de toda a comunidade internacional.

Corredores humanitarios

Ademais de garantir a seguridade da poboación civil como establece o dereito internacional, esiximos a apertura de corredores humanitarios seguros para subministrar a axuda que necesita a poboación civil de Gaza, sometida a bloqueo por parte de Israel por terra, mar e aire, dende fai máis de 16 anos. A esta situación uníuselle agora o corte de subministros básicos como o da auga e electricidade.

Nacións Unidas alertou de que só quedan subministros para 11 días. Necesítase desesperadamente equipamento médico, comida, combustible e outros materiais de primeira necesidade. É imprescindible, ademais, garantir a seguridade do persoal humanitario en Gaza. Polo menos 23 membros, incluídos 11 traballadores sanitarios, morreron como resultado dos ataques sobre a Franxa dende o inicio das hostilidades.

Recordamos ás partes en conflito que, de acordo co dereito internacional, levar a cabo ataques desproporcionados e ataques indiscriminados que causan a morte ou feridas a civís, tomar reféns entre a poboación e cortar o subministro de bens esenciais como a auga, constitúen crimes de guerra.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: