A axuda humanitaria debilítase cando máis se necesita

274 millóns de persoas sofren o impacto de crises humanitarias en 63 países, segundo o último informe da Axencia de Nacións Unidas para a Asistencia Humanitaria. Unha cifra que non inclúe á poboación ucraína e que, polo tanto, en realidade é moito máis elevada.

Responsables parlamentarios, da Xunta e ONGD galegas participan na exposición fotográfica “De oficio, defensoras” | Pepe Ferrín

19 Agosto 2022 |

As organizacións humanitarias internacionais demos a voz de alerta: millóns de persoas corren o risco de sufrir fame a niveis críticos nos próximos meses. Ás graves consecuencias da pandemia, únense as causadas pola invasión rusa da Ucraína. A crise enerxética, alimentaria e financeira esta golpeando a millóns de persoas que xa vivían situacións extremas. Segundo o último informe da Escola Cultura de Pau, hai 32 conflitos armados; dos cales, o 53% son de alta intensidade (unha porcentaxe que se produce por primeira vez dende que se estudan); hai, ademais, 98 situacións de tensión no mundo. 

A emerxencia climática está provocando efectos devastadores na vida de millóns de persoas que se ven obrigadas a abandoar os seus fogares pola imposibilidade de manter condicións básicas par aunha vida digan. O impacto é especialmente preocupante no caso das mulleres a infancia, que sofren con maior rigor as consecuencias destas situacións. 

A pesares das múltiples alertas realizadas polas organizacións humanitarias e de paz, non existe unha resposta mundial integran para dar solución a un contexto tan crítico. Esta falla de responsabilidade amosa que, en lugar de apostar pola garantía dos dereitos humanos e aprotección da vida, encamiñámonos a un mundo cada vez máis hostil. 

É urxente garantir políticas de prevención, de diálogo, de xustiza climática, de economía xusta e garantía plena dos dereitos humanos. Debemos avanzar cara sistemas que preveñan as situacións que abocan a millóns de persoas á dependencia humanitaria. Debemos actuar antes para evitar as crises, en lugar de despois para palialas. 

 

Ataques a quen merece protección

Nos últimos anos, o ataque a centros de atención humanitaria, hospitais e refuxios foi aumentando de xeito progresivo. Tamén foi incrementando o número de ataques a persoal humanitario. Non podemos esquecer, como recordan as ONG, que o persoal humanitario e a poboación civil non poden ser nunca un obxectivo porque, incluso nas guerras, existen regrar. O fomento da chamada “diplomacia humanitaria” é esencial para garantir que os actores implicados nos conflitos respecten o espazo humanitario. 

Esiximos o respecto e a protección do traballo das organizacións humanitarias; a súa actividade debe ser recoñecida como esencial en contextos de crises. A súa ampla traxectoria en situacións moi complexas acreditou a súa profesionalidade e o impacto positivo das súas accións. Asegurar ese traballo esixe moito máis que boa vontade; é necesario garantir a canalización de fondos a través de organizacións con demostrada experiencia en crises humanitarias. 

A actividade das organización humanitarias debe ser recoñecida como esencial en contextos de crise.

Por isto, solicitamos á UE, e aos nosos gobernos, tanto á Xunta coma ao Goberno Español e aos actores humanitarios:

  • Promover os marcos internacionais que garantan o respecto do Dereito Internacional Humanitario. 
  • Garantir que as intervencións se definen conforme aos principios humanitarios.
  • Dar prioridade á diplomacia humanitaria para a solución de crises e conflitos. É necesario avogar polo diálogo, a seguridade humana e o multilateralismo. 
  • Coordinar a acción humanitaria coa garantía de dereitos humanos das persoas migrantes e refuxiadas. 
  • Asegurar que as iniciativas que contemplan a unión entre a acción humanitaria, a paz e o desenvolvemento, a resiliencia das poboacións e a axencia das mulleres.
  • Promover procesos de prevención, convivencia e cultura de paz, co protagonismo da sociedade civil, especialmente das mulleres como dita a Resolución 1325 de Nacións Unidas.
  • Garantir o enfoque feminista e os dereitos da infancia e a adolescencia.
  • Fortalecer o rol dos actores locais na acción humanitaria; outorgar maior protagonismo ás organizacións dos países nos que se traballa e ás poboacións afectadas.

E, en concreto, ao Goberno español e galego:

  • Ser coherente co apoio cidadá ás accións humanitarias. O presupostos xerais do Estado para 2023 e da propia Xunta son unha oportunidade para demostralo. Así como tamén o son a reforma do sistema de cooperación a nivel estatal e o novo Plan Director de Cooperación Galega previstos para aprobarse no 2023.
  • Asegurar que outras políticas (comercio de armas, control sobre a actuación de transnacionais, políticas migratorias…) non contribúen á xeración ou empeoramento de crises humanitarias. 
  • Apostar pola coherencia de políticas para o desenvolvemento sostible. 
  • Manter a asignación da axuda humanitaria a un mínimo do 10% da AOD. No caso galego, fortalecer e dar protagonismo aos actores galegos, ás ONGD galegas, e sobre todo ás organizacións dos países socios no eido da Axuda Humanitaria. 
  • A nivel estatal, ademais, garantir que alomenos o 50% dos fondos se canalizan mediante a AECID e reforzar o perfil institucional, as capacidades, recursos e equipo da Oficina de Acción Humanitaria da AECID.
  • Promover un espazo de diálogo e de coordinación entre a acción humanitaria no ámbito central e o descentralizado.
  • Asegurar que a acción humanitaria é coherente cos compromisos internacionais adquiridos, en particular no relativo aos apio de organizacións locais, e en materia de eficacia, transparencia e rendición de contas.
  • Dotar dos medios necesarios para que a sociedade coñeza, se sensibilice e se involucre nos asuntos humanitarios.
  • Fortalecer os programas de protección a persoas defensoras dos dereitos humanos e medio ambiente. No caso galego, impulsar un propio no marco do novo Plan Director de Cooperación Galega, á semellanza do que xa existen noutros territorios do estado.

 

Chamamos á cidadanía a esixir aos seus gobernos que actúen con responsabilidade e preveñan as crises humanitarias de todo tipo, que minan as condicións de vida de millóns de persoas en todo o mundo. Facemos un chamamento tamén para que esixan unha política de cooperación que recoñeza o papel das ONG na asistencia humanitaria. E, por último, a cidadanía debe recordar aos gobernos (estatal e galego) que as persoas que reciben o apoio humanitario son, ante todo, suxeitos de dereito e que, polo tanto, deben ser protagonistas das actuacións que se leven a cabo.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: