En 2021 amplíase a colección de libros ‘Defensoras de dereitos’. Haydée castillo sementeira de Paz e Bea á procura da luz súmanse aos tres títulos publicados en 2020.
A colección protagonizada por mulleres defensoras de dereitos humanos de Nicaragua, O Salvador, Guatemala, México e Honduras que forman parte das máis de 2.000 mulleres defensoras organizadas en Mesoamérica arredor da Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos (IM-Defensoras), está escrita por Lara Dopazo Ruibal e as ilustracións son obra de Marta Conde e RotmInas.
Os libros forman un mosaico de relatos persoais e colectivos e poñen en valor o imprescindible labor das defensoras dos dereitos humanos e do territorio. Todas elas, mulleres que romperon os moldes establecidos e que sementan o cambio en Mesoamérica. Xunto ás súas historias, os libros tamén dan a coñecer o contexto social e político que está a provocar as situacións de desigualdade e inxustiza que afrontan as protagonistas.
A colección está impulsada pola Coordinadora Galega de ONGD e a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social en colaboración con IM-Defensoras e o apoio da Deputación de Pontevedra.
Ao longo dos vindeiras semanas levaranse a cabo actividades para dar a coñecer, difundir e achegar a colección.
Dous novos títulos
Haydeé Castillo sementeira de paz narra a historia desta activista e defensora dos Dereitos Humanos de Nicaragua.
Na década dos 70, cando Haydée era unha adolescente, sumouse á loita contra a ditadura dos Somoza e desde entón o seu activismo feminista e en defensa dos dereitos das comunidades rurais e indíxenas non cesou. En 2018 saíu de Nicaragua rumbo aos Estados Unidos e converteuse en exiliada política.
Aquí a versión en castelán de Haydée Castillo semillera de paz.
Bea á procura da luz aborda a vida de Verónica Salazar, unha activista feminista e defensora de Dereitos Humanos do Salvador.
Cando era nova, e en pleno conflito armado, Verónica decidiuse unir á guerrilla e pasou a chamarse Bea. Fíxoo motivada polas situacións de inxustiza que observaba ao seu redor. Logo da guerra, comezou a traballar en procesos de recollida de información en casos de asasinatos machistas e hoxe forma parte de dúas organizacións feministas.
Aquí a versión en castelán de Bea á procura da luz
Presentación da colección de libros no Culturgal



Conversa entre a autora e as protagonistas
O 30 de novembro tivo lugar unha conversa online entre Verónica Salazar e Haydée Castillo, as dúas protagonistas dos novos libros publicados en 2021 e a súa autora, Lara Dopazo Ruibal.
Obradoiros nos institutos da provincia de Pontevedra
Entre outubro e novembro leváronse a cabo 5 obradoiros nos que, co apoio dos libros e o acompañamento e dinamización de AGARESO, o alumnados abordou distintas temáticas que guían o fío dos tres libros publicados en 2020:
• Feminismos, da man de Miriam Suazo e a digna rabia
• Defensa do territorio, da man de Estela Ángeles Mondragón e o camiño a Baqueachi
• Defensa dos dereitos das poboacións indíxenas, da man de María Cuc Choc o corazón en alto