IV Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global

 

A Coordinadora Galega de ONGD convoca, co apoio do Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, a cuarta edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global.

O obxectivo deste Premio é recoñecer experiencias educativas transformadoras que fomenten unha cidadanía solidaria, crítica e comprometida coa construción dun mundo máis xusto.

Quen pode presentarse ao Premio?

  • Premiaranse experiencias educativas, proxectos e iniciativas pedagóxicas realizadas durante 2024-2025 e/ou 2025-2026.
  • Poderán presentarse docentes ou equipos de docentes de centros de ensino e universidades galegas de titularidade pública, concertada ou privada oficialmente recoñecidos pola Consellería de Educación.

Como e cando presentar propostas?

  • O prazo de presentación de proxectos remata o 07 de abril de 2026 ás 23:59 horas.
  • A solicitude deberá presentarse por correo electrónico antes de que remate o prazo no enderezo premiogalegoed@galiciasolidaria.org.
  • No asunto deberá constar “Categoría A”, “Categoría B” ou “Categoría C”, segundo corresponda.

Co obxectivo de facilitar máis información e resolver dúbidas dun xeito directo, a organización do Premio ofrece ao profesorado interesado en participar a posibilidade dunha sesión informativa en liña o xoves 12 de marzo (19:00-20:00). O enlace está dispoñible nas bases.

Ademais, o correo premiogalegoed@galiciasolidaria.org está dispoñible en calquera momento para consultas.

Viaxe para o profesorado premiado

Como xa pasou na anterior edición, a cuarta convocatoria do Premio inclúe entre os seus galardóns unha viaxe de 10 días a Guatemala para dous docentes de cada unha das iniciativas gañadoras en cada categoría.

Durante esta estancia as persoas gañadoras poderán coñecer de preto un proxecto de cooperación internacional e o traballo que realiza en terreo a cooperación galega.

Todo está detallado polo miúdo nas bases que che facilitamos a continuación xunto co anexo de inscrición e unha guía para subir o teu proxecto ao mapa.

Nas bases tamén atoparás a posibilidade de consultar un vídeo-titorial sobre o proceso de presentación de proxectos, que tamén podes consultar clicando aquí.

Agardamos a túa proposta! 😉