O Parlamento de Galicia aprobou este martes 4 de novembro unha declaración institucional en apoio e solidariedade coas persoas defensoras de dereitos humanos, aproveitando a estancia na nosa comunidade de tres defensoras acollidas no programa Galicia Abriga.
Galicia Abriga é un programa de especial importancia para o conxunto da cooperación galega, que historicamente mantén un vínculo -profesional e humano- con defensores e defensoras de dereitos nos países nos que as ONGD galegas estan presentes.
Galicia Abriga -que celebra este ano a súa segunda edición- ofrécelle a tres mulleres defensoras de dereitos que teñen ameazada a súa integridade por motivo do seu labor a posibilidade dunha estancia temporal para descansar, coidarse e fortalecerse a través de encontros e sinerxías con colectivos e institucións galegas.
Apoio institucional ás defensoras de dereitos
Na súa declaración institucional o Parlamento galego manifesta “o seu máis profundo respecto, apoio e solidariedade coas persoas defensoras de dereitos humanos, con aquelas que resisten nos seus territorios e coas que se ven forzadas a os abandonaren como medida de protección”. Do mesmo xeito, “reafirma o seu compromiso coa consideración dos dereitos humanos individuais e colectivos tal e como foron recollidos nos instrumentos internacionais, como na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, neste o seu 80 aniversario, e na Declaración de Defensores e Defensoras dos Dereitos Humanos”.
As forzas políticas representadas no Parlamento Galego -PPdeG, BNG, PSdeG e Democracia Ourensana- recollen nesta declaración o rexeitamento dos “procesos de criminalización que, desde determinados sectores económicos e políticos, se articulan contra o labor pacífico destas persoas, cuxo traballo en defensa da vida conta co recoñecemento e a protección desta Cámara.”
Reunión cos grupos parlamentarios
As tres defensoras acollidas na segunda edición de Galicia Abriga, Ana Donis, Milagro Alvarado e Juventina López, tiveron ocasión non só de visitar o Parlamento e asistir á lectura institucional. Tamén puideron reunirse con responsables do PPdeG, PSdeG e BNG e compartir información sobre as súas entidades e países, así como sobre os proxectos nos que traballan. E puideron explicar as consecuencias que ten na súa vida o activismo en prol dos dereitos humanos.
Apoio da cooperación galega
Nas súa declaración institucional, o Parlamento galego salientou o compromiso das ONGD do Norte e do Sur global, así como da política galega de cooperación ao desenvolvemento, que cumpre máis de trinta anos promovendo redes e alianzas pola defensa dos dereitos humanos en todo o mundo. E insta á cooperación galega a seguir fortalecendo a sociedade civil dos países socios.
Ademais, trasladará esta declaración institucional ao Goberno de Galicia, á valedora do pobo e ao Goberno de España, solictándolles que activen os mecanismos necesarios para garantir o pleno e libre exercicio dos dereitos humanos por parte das persoas defensoras en calquera país do mundo.
O programa Galicia Abriga comezou a súa andadura no 2024 como unha iniciativa do sector galego de cooperación internacional liderada por un un grupo xestor (formado polas organizacións Ecos do Sur, Agareso e Solidariedade Internacional) e un amplo respaldo de entidades como como Amigas da Terra, Asemblea de Cooperación pola Paz, Enxeñería sen Fronteiras, Médicos do Mundo, Provivienda, MPDL, Sólida, InteRed e Mulleres Salgadas, xunto coas tres universidades galegas.

