A cooperación galega celebrou máis de tres décadas de compromiso poñendo os dereitos humanos no centro

 A Cooperación Galega celebrou o pasado 17 de setembro máis de trinta anos de compromiso a favor dos dereitos das persoas máis vulnerables cun encontro multitudinario que reuniu administracións, organizacións e activistas

Fonte: IPPDH

20 Outubro 2025 |

 A Cooperación Galega celebrou o pasado 17 de setembro máis de trinta anos de compromiso a favor dos dereitos das persoas máis vulnerables cun encontro multitudinario que reuniu administracións, organizacións e activistas arredor dunha mesma idea: poñer os dereitos humanos no centro.

O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo Pouso, destacou o papel referente de Galicia a nivel europeo en materia de cooperación e reafirmou “o compromiso da Xunta coas organizacións do terceiro sector e coa Coordinadora Galega de ONGD, que defenden os dereitos humanos e loitan contra as desigualdades a nivel global”.

Tamén interveu o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo Aller, quen lembrou que o compromiso da Xunta coa cooperación internacional “foi e segue a ser inquebrantable, mesmo nos momentos de crise económica”.

Desde a Coordinadora Galega de ONGD, a súa presidenta María Paz lembrou que “a cooperación internacional faise máis necesaria que nunca” nun mundo no que “hai 56 conflitos armados activos e máis de 122 millóns de persoas desprazadas, a maior cifra da historia”. Tamén advertiu de que 2025 está a ser “o ano máis mortífero para o persoal humanitario desde que hai rexistros” e fixo un chamamento a lembrar ás compañeiras activistas e defensoras “que seguen a ser perseguidas e agredidas por defender dereitos que son de todas e todos”.

Galicia abriga: o dereito a defender dereitos

Un dos momentos máis intensos da celebración foi o encontro coas tres defensoras de dereitos humanos acollidas na segunda edición do programa Galicia Abriga: Milagro Alvarado, Juventina López e Ana Donis. As tres compartiron testemuños fondamente emocionantes sobre o que significa defender dereitos nun contexto de violencia e represión, e sobre a importancia de atopar espazos para coidar(se).

A guatemalteca Juventina López explicou que a súa estadía en Galicia lle serviu para tomar conciencia do impacto do seu labor como defensora indíxena e recuperar forzas. Ana Donis puxo en valor o traballo de Mujeres Transformando el Mundo, organización que leva dezaseis anos loitando contra un sistema patriarcal e unha xustiza lenta que limitan a igualdade. E Milagro Alvarado recoñeceu que Galicia Abriga lle está a permitir “traballar na saúde emocional e física” e fortalecer tanto a súa organización como o seu propio camiño persoal.

A cooperación que transforma

A xornada incluíu tamén unha conversa con persoas cooperantes e técnicas doutros países, que compartiron o impacto real dos proxectos apoiados pola cooperación galega. Interviron Lizete Dias (Mozambique), Pamela Violeta Sánchez Pereira (Bolivia), Juan Castillo (República Dominicana) e Roger Armando Reyes (Honduras).

“O diñeiro investido en cooperación mellora vidas”, sinalou Juan Castillo, mentres que Pamela Sánchez destacou que “a cooperación galega axúdanos a que as mulleres sexan sostibilidade para as súas familias e poidan acceder a novos espazos de poder”. Roger Reyes, pola súa banda, relacionou o apoio galego coa “soberanía alimentaria e o fortalecemento das comunidades locais”.

Un camiño de máis de trinta anos

Dende que Galicia comezou a cooperar en 1992, consolidou un modelo propio baseado na solidariedade, o respecto e a corresponsabilidade. En 2021 naceu a denominación “Cooperación Galega”, que unifica o conxunto de iniciativas financiadas pola Xunta no eido do desenvolvemento.

Nos últimos 25 anos, a Administración galega investiu preto de 180 millóns de euros en Axuda Oficial ao Desenvolvemento, o que supón o 80% dos fondos galegos destinados á cooperación no Sur Global. Segundo o informe O traballo das ONGD galegas no mundo (2024), a cooperación galega contribuíu a mellorar as condicións de vida de máis de 410.000 persoas, a través de 120 proxectos en 23 países, máis da metade delas mulleres.

Os países prioritarios seguen a ser Guatemala, Bolivia, República Dominicana, Honduras, Ecuador, Nicaragua, Perú, El Salvador, Mozambique, Guinea Bissau e Cabo Verde, ademais do pobo saharauí e Palestina.

A celebración serviu para recoñecer o camiño andado e renovar os compromisos compartidos. Tres décadas despois, a cooperación galega continúa a construír pontes e a fortalecer comunidades, apostando por un modelo que, fronte á desigualdade e o esquecemento, segue poñendo a vida no centro.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: