Torre Pacheco, Alcalá de Henares ou Anoia son algúns dos lugares onde nos últimos días ocorreron feitos violentos contra persoas migrantes, refuxiadas ou nacidas no Estado español que foron atacadas pola súa orixe familiar, cor da pel, relixión ou cultura percibida.
Sumámonos ao comunicado da Coordinadora de ONGD de Murcia e reafirmamos o noso compromiso cun mundo libre de racismo e cunha sociedade que defenda a paz, a convivencia, os dereitos humanos e o respecto á dignidade humana. Condenamos rotundamente a violencia en todas as súas formas, en Murcia e en calquera recuncho do mundo. Rexeitamos calquera manifestación de odio, racismo, islamofobia e xenofobia, veña de onde veña.
Esiximos que cesen de inmediato os discursos de odio e a violencia racista cara á comunidade migrante, así como a súa protección e unha investigación para que estes actos non queden impunes. Ningunha circunstancia xustifica a violencia, e moito menos cando está motivada polo odio racial ou pola xenofobia.
As persoas migrantes, racializadas e refuxiadas son parte fundamental do tecido social, cultural e económico deste país, son as nosas veciñas e veciños. O Estado español é e debe ser unha terra de dereitos, acollida, diversidade e esperanza para todos e todas, sen importar a procedencia.