8M2025: paz, dereitos e dignidade

Como organizacións da sociedade civil este 8M xuntamos a nosa voz coa de millóns de mulleres en todo o mundo e recoñecemos especialmente a resistencia e sabiduría das mulleres do Sur Global.

Fonte: IPPDH

05 Marzo 2025 |

Este 8M, como en todos os anteriores, lembrámonos das millóns de mulleres que, fronte ás múltiples violencias, tecen redes de solidariedade, defenden os dereitos humanos e o planeta. E recoñecemos especialmente ás mulleres do Sur Global, cuxa resistencia e sabiduría enriquecen a construción dunha cooperación feminista interseccional e decolonial.

Como organización da sociedade civil, poñemos en valor a contribución de colectivos, asociacións de base, movementos feministas e de mulleres na defensa e garantía dos seus dereitos. Protagonistas na loita pola xustiza social, a igualdade e a sostibilidade na vida.

Non deixamos de denunciar os retos que persisten nun mundo cada vez máis desigual a azotado pola guerra. Con valentía, forza a esperanza, seguimos a loitar pola xustiza social feminista. 

E tamén celebramos os avances acadados, como os que nos deixa o 30 aniversario da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing, adoptada no marco de Nacións Unidas: inspirada nas reivindicacións dos diferentes movementos feministas, ten marcado as decisións e avances en políticas de igualdade de xénero en todo o mundo

Antes de 1995 só 12 países tiñan sancións xurídicas contra a violencia doméstica. Hoxe hai 1.583 medidas lexislativas en vigor en 193 países, incluídas 354 que abordan a violencia doméstica. Ademais, 112 países teñen plans de acción nacional sobre mulleres, paz e seguridade. En 2010, eran só 19.

Para saber máis

De todo isto fala o especial elaborado pola Coordinadora de Organizaciones para el Desarrollo, da que forma parte a Coordinadora Galega de ONGD. Nel poderás atopar información, contexto, análise e datos:

Feminismos e cooperación

A cooperación galega ten un vínculo sólido cos feminismos, nos que basea a súa actuación. Por unha banda, coa activación neste 2025 dunha nova liña de subvención específica para apoiar a orgnizacións feministas dos países do Sur Global no que a cooperación galega ten presenza.

Esta convocatoria, impulsada pola Xunta a instancias da Coordinadora Galega de ONGD, permitirá apoiar e fortalecer a organizacións feministas que están a sufrir de maneira especialmente intensa o hostigamento dos movementos antidereitos, que avanzan a nivel global. Por iso, o apoio da cooperación é máis importante ca nunca.

Por outra banda, a cooperación galega apoia ás defensoras de dereitos destes países a través de Galicia Abriga, o primeiro programa de acollida temporal de mulleres que exercen esta defensa e que, por esta causa, reciben presións que condicionan gravemente a súa vida.

Na súa estancia, ademais de descansar e coller folgos, as defensoras contactan con colectivos e organizacións galegas coas que tecer rede, teñen ocasión de facer incidencia política e de participar en propostas que, de volta aos seus países, servirán para fortalecer o seu labor.

 

Que farás este 8M?

Arredor do 8M hai programadas centos de convocatorias en diferentes puntos do Estado español, entre manifestacións, concentracións, accións reivindicativas e actividades de diverso perfil. Galicia acolle ducias de propostas feministas, que podes consultar en diferentes plataformas. Nós proporcionámosche aquí acceso a un mapa colaborativo publicado por El Salto.

 

O que fan as organizacións da Coordinadora

O 8M vívese especialmente nas rúas, tamén por parte das organizacións que forman parte da Coordinadora, aínda que algunhas delas si teñen propostas para estes días que compartimos contigo:

  • InteRed vén de publicar una proposta didáctica para educadoras e educadores sobre os feminismos, orientada a reflexionar sobre a diversidade dos mesmos e a coñecer a súa historia. Pódela descargar en galego clicando aquí.
  • Movemento pola Paz organiza en colaboración co Concello de Culleredo a exposición e presentación informativa “Mulleres imprescindibles”. Quedará inaugurada o 6 de marzo ás 12:00 no edificio de servizos múltiples do Burgo, onde poderá visitarse.
  • Ecos do Sur desenvolverá estes días unha acción en redes centrada en referentes próximas. Haberá que estar pendentes especialmente do Instagram da organización e do cancelo #referentesvecinas.
  • Por qué no? desenvolve na Coruña o venres 7 de marzo unha sesión especial do seu programa para familias, accesible e inclusivo, dirixido nesta ocasión a mulleres, baixo o título Tócanos coidarnos nós.
  • FISC organiza en relación ao 8M o vindeiro 20 de marzo (16:30) unha tertulia internacional a través de Zoom sobre mulleres en situación de conflito, cunha especial referencia a situación da Amazonía e da República Democrática do Congo.

O 8M é tamén un bo momento para lembrar a figura das defensoras de dereitos: mulleres que, de maneira individual ou colectiva, afrontan a loita e defensa de dereitos fundamentais para as súas comunidades, con importantes riscos persoais.

A cooperación galega ten un forte vínculo con algunhas delas e nos últimos anos esta relación plasmouse en dúas iniciativas: a exposición itinerante De oficio, defensoras, coa que a Coordinadora Galega de ONGD conmemorou os seus primeiros trinta anos de vida, e a colección de libros Defensoras de Dereitos, publicada en colaboración coa Deputación de Pontevedra.

Cinco historias de vida doutras tantas mulleres do Sur Global das que inspirarse e aprender e que hoxe, unha vez máis, queremos compartir contigo:

 

Feliz e loitador 8 de marzo! Vémonos nas rúas! ✊🏽💜

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: