Imaxe dunha fiestra cun cartaz que pide o alto o fogo en Palestina xunto á imaxe das sandías, en lugar de bandeiras

Fronte á idea de que a cidadanía non temos nada que facer ante a situación en Gaza e outros territorios palestinos ocupados, lembramos as palabras da relatora da ONU para Palestina, Francesca Albanese:

“Nós, o pobo, a xente, marcamos a diferenza: pode parecer imposible ata que se fai posible, pero para iso hai que participar na vida pública e non delegar”.

VISIBILICEMOS DE FORMA PERMANENTE O NOSO APOIO AO POBO PALESTINO 

Na Coordinadora Galega de ONGD impulsamos en novembro de 2023 a campaña  #SandíasPolaPaz, á que vimos de incorporar #BordarPalestina: unha nova proposta, vinculada á tradición do tatreez e o papel das mulleres como depositarias e defensoras, a través do bordado, da historia do seu pobo.

MOBILICÉMONOS E FAGAMOS PRESIÓN SOBRE OS NOSOS REPRESENTANTES POLÍTICOS!

Oxfam Intermón, Movemento pola Paz, Médicos sen Fronteiras, Save de Children e os comités estatais de UNICEF e UNRWA impulsaron este manifesto que asinamos, apoiamos e compartimos e que segue activo, sumando firmas.

Non podemos permitir que a indiferenza e a complicidade se instalen como norma. Non podemos aceptar que os líderes europeos e mundiais observen en silencio mentres unha poboación enteira desaparece baixo as bombas, os cascallos, a inanición e o abandono.

Canto máis ten que sufrir un pobo para esperar a acción internacional? Cantos nenos e nenas máis deben morrer para que actué quen ten poder? As palabras xa non bastan. As condenas sen consecuencias non salvan vidas. As declaracións sen medidas concretas difumínanse.

Con este manifesto urxente buscamos presionar, berrar como sociedade, pero tamén maneiras para sobrevivir. Porque sabemos que cada día que pasa en Gaza algo da humanidade, de todas nós, desaparece.

O manifesto inclúe a esixencia a España, aos líderes europeos e aos estados aliados do Goberno de Israel o cumprimento destes cinco puntos fundamentais:

  1. Alto o fogo inmediato e definitivo.
  2. A protección efectiva da poboación civil, conforme ao Dereito Internacional Humanitario.
  3. A apertura total e sostida de todos os pasos fronteirizos para garantir a entrada masiva de axuda humanitaria, sen condicións políticas.
  4. O respecto e restablecemento do mandato de UNRWA e de todas as axencias humanitarias, sen criminalización nin obstrucións políticas.
  5. A suspensión dos castigos colectivos como arma de guerra, como o uso da fame e o desprazamento forzado.

APOIEMOS ÁS ORGANIZACIÓNS DE ACCIÓN HUMANITARIA

O Goberno de Israel militariza a axuda humanitaria e exclúe os principios humanitarios, as axencias das Nacións Unidas e as principais organizacións humanitarias internacionais -tamén as galegas- que levamos décadas traballando na zona e que non deixamos nunca de facelo neste tempo.
 
Mentres, toneladas de alimentos, medicinas e material sanitario permanecen retidas ao outro lado da fronteira, a poucos quilómetros de quen as necesita con desesperación.

Hai varias organizacións galegas, socias da Coordinadora, con proxectos activos en Palestina dende hai moito tempo.

Organizacións que nos piden á cidadanía non esquecer Gaza e apoiar o seu labor: precisan contar cos recursos necesarios para que, cando a axuda poida ser distribuída, non se perda un tempo que, neste caso, é valiosísimo. Por iso moitas -como Asemblea de Cooperación pola Paz ou Médicos do Mundo- ofrecen a posibilidade de colaborar cos seus proxectos.