A iniciativa europea ‘Right to Cure’ busca un millón de firmas para a supresión das patentes Covid

A coalición de máis de 200 organizacións europeas da sociedade civil quere impulsar unha proposta lexislativa para instar á Comisión Europea á suprimir temporalmente as patentes das vacinas COVID-19 e asegurar o seu acceso universal

A Iniciativa Cidadá Europea ‘Right to Cure’, unha coalición de máis de 200 organizacións europeas da sociedade civil de 14 países, quere chegar ao millón de sinaturas para que as vacinas e os tratamentos sexan considerados un ben público global, accesible para todas as persoas e de xeito gratuíto.

O obxectivo da iniciativa é impulsar unha proposta lexislativa para instar á Comisión Europea a que os produtores de vacinas, como Pfizer/ BioNTech, AstraZeneca e Moderna, compartan os coñecementos e a tecnoloxía das vacinas, renuncien ás patentes de maneira temporal e permitan unha produción das vacinas a nivel mundial que asegure un acceso universal.

Ivan Diaz

Pola igualdade de acceso ás vacinas

Compartir a tecnoloxía eliminaría un obstáculo para o aumento da produción actualmente atrasada e a igualdade de acceso ás vacinas para todas as persoas, en todo o mundo. Desta forma aceleraríase a vacinación mundial e se evitaría a aparición de variantes máis agresivas e letais.

A nivel mundial, os datos de UNICEF citados por Oxfam suxiren que só o 43% da capacidade de produción de vacinas COVID-19 declarada está a utilizarse actualmente para as vacinas aprobadas.

A subministración de vacinas seguras e eficaces para todas as persoas estase a racionalizar artificialmente debido á protección dos dereitos exclusivos e os monopolios das corporacións farmacéuticas, tal e como demostrou a People’ s Vaccine Alliance.

No pasado, os dereitos de propiedade intelectual suspendéronse para facer fronte a grandes crises sanitarias. Jonas Salk, o inventor da vacina contra a poliomielitis, permitiu a súa saída ao mercado sen patente. Durante a crise do VIH, millóns de persoas morreron porque non podían permitirse o tratamento e a protección. Tras unha batalla dunha década, as empresas farmacéuticas víronse obrigadas a permitir excepcións ás patentes.

Que ninguén se lucre coa pandemia

Aínda que a investigación e o desenvolvemento de vacinas e tratamentos se financiaron en gran parte con diñeiro público, as empresas obtiveron as patentes e o monopolio de explotación por 20 anos. Esta posición de monopolio garante beneficios abusivos no medio dunha pandemia á conta de vidas humanas.

Desde Right to Cure lémbrase que “os investimentos públicos deben producir bens públicos que beneficien a todos, non xerar beneficios para os altos executivos, accionistas e especuladores. A Comisión Europea debe suspender o actual sistema de patentes, os monopolios e o segredo para ofrecer unhas vacinas accesibles para todos. Coa nosa Iniciativa Cidadá Europea, temos o poder de obrigarlles a facelo. Así mesmo co obxectivo de inmunizar á maior cantidade de persoas esiximos á UE que non limiten a administración de vacinas a ningunha das xa existentes e que superasen os controis da propia Unión e da OMS“.

Súmate e asína aquí>>>