Que pode facer a cooperación ante a pandemia?

A dimensión global e a solidaridade internacional seguen a ser clave para a nosa supervivencia como país e como humanidade

Artigo publicado pola Coordinadora de ONGD – España

Cando imaxinamos que pode facer a cooperación en tempos de pandemia, o primeiro impulso é pensar nun contedor cheo de máscaras. É verdade que as máscaras son moi importantes pero poden producirse localmente e con materiais reutilizables.

Aínda que a distribución de material sanitario pode ser parte de intervencións máis integrais de acción humanitaria, esencial para 100 millóns de persoas en todo o mundo, é necesario alongar a mirada para ver cales son as posibilidades da cooperación internacional como política de Estado e como promotora de coherencia de políticas en ámbitos nos que as accións de control da pandemia teñen repercusión – moitas veces negativa – noutros países.

Centro de atención primaria e xestión sanitaria en campo de John Segredo (Mozambique) // Czuko Williams _ Médicos del Mundo.
Centro de atención primaria e xestión sanitaria en campo de John Segredo (Mozambique) // Czuko Williams _ Médicos del Mundo.

 

A fase de control da pandemia en Europa permitiu recuperar unha certa perspectiva internacional sobre o problema. Como sinalou Oxfam recentemente, «se non se toman medidas, 40 millóns de persoas poderían morrer e 500 millóns veranse arrastradas á pobreza no Sur global». O plan global de resposta humanitaria de Nacións Unidas alerta sobre o previsible aumento de conflitos, inseguridade alimentaria e pobreza en 54 países a medida que as economías se contraen e os ingresos de exportación, remesas e o turismo desaparecen.

A ONU fixo os seus cálculos: para facer fronte á crise da Covid-19 de maneira solvente no mundo en desenvolvemento, serán necesarios 2,5 billóns de dólares – dúas veces o PIB español nun ano –, dos cales 500 mil millóns de dólares serían Axuda Oficial ao Desenvolvemento ( AOD) extra, tres veces máis que a actual e 6,7 mil millóns de axuda humanitaria – 43,5% máis –. Aínda que poida parecer moito diñeiro, Oxfam lembra que se trata dunha cantidade equivalente á fortuna dos tres homes máis ricos do mundo ou unha parte moi importante dos impostos evadidos polas corporacións tecnolóxicas nos últimos anos.

O que hai que lembrar é que a AOD – especialmente a que contribúe directamente a reducir a pobreza e as desigualdades – é unha parte importante da solución, xunto co alivio e a cancelación de débeda; o esforzo é obrigatorio segundo os compromisos internacionais; e ademais, é unha medida relevante para frear de maneira eficaz consecuencias da pandemia que poden xerar gran sufrimento e desestabilización en amplas rexións. O problema reside en que, tal e como mostran as últimas cifras, o sistema de axuda internacional chega sen alento á pandemia, cun esforzo estancado no 0,3% a nivel global. Ademais, as dificultades orzamentarias e a propaganda do «nós primeiro» ou «só nós» poderían facer efecto en gobernos de escasas conviccións internacionalistas.

Virtudes da cooperación en tempos de pandemia

O goberno español chega a este escenario presentando unha estratexia de cooperación COVID-19 ambiciosa e con intención de seguir impulsando un perfil multilateral en ámbitos como a saúde global, a Axenda 2030 ou a Axenda de Financiamento do Desenvolvemento. E a estratexia foi dialogada cos actores sociais.

Este proceso ten dúas virtudes e dous importantes desafíos. A primeira virtude é poñer encima da mesa o debate do noso papel no mundo, sacudirse a inercia de mirarnos o embigo e reconectar con esa parte da cidadanía que sente que tamén é importante implicarse nos asuntos globais.

A segunda virtude, recoñecer que o Estado español posúe un sistema de cooperación internacional resultado de tres décadas de esforzo – apontoado nunha lei que data do primeiro goberno Aznar –, composto por un armazón complexo de institucións e actores que funcionan nun ecosistema dinámico e enraizado en todo o Estado, que constrúe diariamente pontes internacionais de solidariedade e colaboración. Só as ONG de Desenvolvemento no Estado implican a 2,4 millóns de cidadás e cidadáns en iniciativas que traballan con 35 millóns de persoas en 114 países. En Galicia, máis de 23.000 persoas implicadas e 108.000 que melloraron as súas condicións de vida en 23 países.   

Dúas mulleres participantes nun proxecto da Fundación Vicente Ferrer na India // Ramon Serrano
Dúas mulleres participantes nun proxecto da Fundación Vicente Ferrer na India // Ramón Serrano

 

Desafíos claves

Primeiro, do mesmo xeito que sucedeu noutras políticas públicas, a COVID-19 e os desafíos internacionais asociados retratan as dificultades de estar á altura como país e convidan á clase política a unha reflexión sobre a importancia estratéxica de recuperar a cooperación internacional. Lembremos que o Estado español se situou en 2019 por detrás de Hungría en esforzo de axuda – consolidando oito anos de AOD xenuína por baixo do 0,2% – e que é o único Estado entre as 20 maiores economías do mundo que reduciu as súas achegas ao sistema de Nacións Unidas á metade entre 2008 e 2018.

O segundo chámase coherencia de políticas para o desenvolvemento, e son as lentes que nos permiten ver a coherencia total na axuda ou apoio do que se fai gala. Na estratexia hai moito que pulir se miramos o exceso de instrumentos de crédito e a falta de ambición en relación aos compromisos de débeda ou cos espazos fiscais progresivos. Tamén se observa que o compromiso coa universalidade das vacinas como ben público – o que implica patentes abertas e non exclusivas – e a garantía da saúde global como dereito, terá enfronte un potente mercado ligopolístico en mans de poucas corporacións globais; existe vaguedade no que se refire aos temas de securitización da axuda. Todo iso apela á necesidade de seguir avanzando neste enfoque e nos mecanismos de xestión dentro do Estado que velen por preservar o foco no desenvolvemento sostible e os dereitos humanos.

Formación de persoal sanitario en Guatemala // Fundación Fabre
Formación de persoal sanitario en Guatemala // Fundación Fabre

Non deixar ninguén atrás 

Porén, aínda alguén podería cuestionar: e con todos os problemas que temos aquí por que debemos detraer recursos para a cooperación? Que é máis relevante, os campos de persoas refuxiadas ou o desemprego en Europa? Atopar a resposta a esta pregunta é clave se non queremos perder outra década crucial, como sucedeu en 2008. A retórica que xustifica novos axustes ou que determina o que é prioritario nun contexto de situación extrema vai seguir aí.

Mentres tanto, os paraísos fiscais seguirán sendo opacos, os rescates destinaranse a activos varados e os especuladores operarán sen regulacións. Na saída da anterior crise, desmanteláronse dous terzos do sistema de cooperación baixo esta escusa; eses fondos sumáronse aos múltiples recortes que sufriron as políticas públicas sociais co fin de rescatar aos bancos españois. Daquela época herdamos a caída dos indicadores sociais e o risco dunha fragmentación social profunda que hoxe se agudiza.

Non será fácil explicar a unha cidadanía esgotada e tensa ​​que a dimensión global e a solidariedade internacional seguen sendo clave para a nosa supervivencia como país e como comunidade global. Aínda que non estamos no mellor escenario para explicar os problemas das mulleres nos suburbios das grandes urbes do Sur global, a situación dos nenos e nenas nos campos de persoas refuxiadas, a persecución aos colectivos activistas de África ou Asia ou aos pobos indíxenas na Amazonía, empezamos a entender que hai unha oportunidade de conxugar a solidariedade internacional – e con ela repensar o sistema de cooperación –. Esta oportunidade só ten sentido nun marco de políticas no que non deixemos a ninguén atrás, nin aquí nin en ningún outro sitio.