O ataque ruso contra as infraestruturas esenciais pon en grave risco á poboación civil de Ucraína

As ONGD que traballan no territorio lembran o deber de protección da poboación e do respecto ao Dereito Internacional Humanitario, en particular no relativo a bens e infraestruturas civís indispensables para a vida.

Fonte: IPPDH

20 Febreiro 2026 |

A Coordinadora Galega de ONGD alerta, da man das organizacións socias que traballan en Ucraína, das graves consecuencias que están a ter os últimos ataques rusos contra as infraestruturas enerxéticas e esencias que están a poñer en grave risco á poboación civil, privada de electricidade e calefacción nun inverno de especial dureza na zona.

A Coordinadora condena estas accións e lembra o deber de protección da poboación civil e do respecto ao Dereito Internacional Humanitario, en particular o relativo a bens e infraestruturas civís indispensables para a vida e o benestar.

Esta situación é particularmente delicada para unha poboación exhausta tras catro anos de invasión, sen recursos para afrontar o frío extremo e con temperaturas próximas aos -30º nalgunhas rexións dun país.

Impacto nas persoas máis vulnerables

Diversas organizacións teñen documentado o impacto destes ataques sobre a poboación, entre elas a nosa socia AGA Ucraína, que está rexistrando “un incremento sostido de solicitudes de apoio dende o país vinculadas a cortes de electricidade e calefacción”.

A ONGD galega -que traballa no país, como tamén o fai outra organización socia, a Fundación Tierra de Hombres– explica que as situacións máis urxentes afectan ” a persoas especialmente vulnerables, incluíndo mulleres con enfermidades crónicas, persoas maiores e fogares con menores” e lembra que a falta de calefacción e servizos esenciais supón “un risco inmediato para a saúde e a seguridade”.

A enerxía como arma en pleno inverno

O pasado 12 de febreiro Ucraína sufriu un ataque a gran escala que deixou sen calefacción a centos de milleiros de persoas, que tamén se viron privadas, segundo as zonas, de auga e electricidade. As consecuencias deste ataque, que non é o primeiro destas características, agravan a situación humanitaria.

Neste sentido, cómpre lembrar as palabras de Matthias Schmale, coordinador humanitario da ONU, que hai poucas semanas alertaba de que “este ciclo sistemático de ataques contra a infraestrutura enerxética de Ucraína viola o dereito internacional humanitario” reclamando o seu cese.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: